Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 13:57
O Grupo Popular rexistrou unha iniciativa pola vía urxente no Parlamento galego para pedir ao Goberno central a declaración de zona catastrófica para os concellos de Lugo e Ourense afectados pola vaga de incendios do pasado mes de xullo.
Segundo explica o PPdeG, a iniciativa incide nunha liña xa iniciada pola Xunta, que "xa aprobou unhas axudas de emerxencia por valor de máis de 9 millóns de euros" para que cheguen aos seus destinatarios "en menos de tres meses". E agora, engaden os populares, o Estado "debe tamén actuar no seu ámbito de competencias".
En concreto, o texto rexistrado na Cámara galega pretende urxir a declaración como zona catastrófica --oficialmente, 'zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil'-- e avaliar nun informe "o máis pronto posible" os danos provocados polas chamas nos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga, A Pobra do Brollón e O Incio, na provincia de Lugo; e O Barco, Carballeda de Valdeorras, Rubiá, Oímbra e Verín, na de Ourense.
Entre as medidas, propoñen a concesión de axudas económicas a particulares por danos en vivenda habitual e aveños de primeira necesidade, apoios a establecementos industriais, mercantís, culturais e de servizos, así como subvencións por danos en producións agrícolas, gandeiras e forestais.
Esta declaración, engade o PPdeG, tamén incluiría compensacións aos gobernos locais por gastos de actuacións inaprazables por mor dos incendios, axudas para obras en infraestruturas municipais danadas e, mesmo, medidas fiscais, laborais e de Seguridade Social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.