A seca chega á montaña de Lugo e Vigo pide tamén reducir o consumo de auga

Becerreá e Vigo súmanse á lista de concellos que recomendan un uso responsable e "racional" da auga. Os encoros continúan perdendo e sitúanse ao 51,7% da súa capacidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A seca chega á montaña de Lugo. O Concello de Becerreá enviou un bando a todas as parroquias e núcleos de poboación no que se recomenda un uso responsable e “racional” da auga. O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, explicou que se busca un “consumo racional, que se evite o baldeo e a rega de hortas“, entre outros consellos. “Son recomendacións mínimas que permitirán que os veciños non teñan ningún problema coa auga”, proclamou.

Un tronco dunha árbore seca no leito do río Miño en Escairón, Lugo. Carlos Castro - Europa Press
Un tronco dunha árbore seca no leito do río Miño en Escairón, Lugo. Carlos Castro - Europa Press

Martínez apuntou que “as traídas de auga e as captacións baixaron moitísimo, e máis da metade das fontes están cun caudal mínimo”. “No Concello de Becerreá non existen graves problemas de abastecemento de auga”, garantiu.

O alcalde de Becerreá confirmou que “a capitalidade do municipio está ben, sen ningún problema”. “No resto de pobos estamos a abastecer a unha casa no núcleo de Neira de Rei, tirando cara o Cádavo”, apunta. “Agora tamén se está mirando un depósito, que chamaron onte que quedaron sen auga, co cal ou secou a fonte ou o consumo é maior. Liquidarase no día de hoxe”, agrega.

Aínda que non hai “problemas” coa subministración, aplícanse restricións. “Enviamos un bando a todas as parroquias e núcleos de poboación para que o consumo sexa racional e dedicado a temas importantes. No bando aconséllase que se evite o baldeo, ou regar as hortas. Son consellos mínimos que permitirán que os veciños de Becerreá non teñan ningún problema coa auga”, sentenciou Martínez.

 

Continúa a lista de municipios afectados pola seca na provincia de Lugo, coa comarca sur como a zona con máis problemas, xa que se aplican restricións en Pantón, Taboada ou Ribas do Sil, entre outros concellos.

 

VIGO: "PODEMOS ESTAR MOI MAL NO OUTONO"

 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén pediu á poboación da cidade e da súa área metropolitana que reduzan o consumo de auga, polo que desde o Concello se puxeron en marcha unha serie de medidas destinadas a este fin: "Non estamos mal, pero podemos estar moi mal no outono".

 

Na súa rolda de prensa diaria, o rexedor olívico indicou que a pesar das choivas rexistradas este pasado fin de semana, a situación dos encoros que abastecen a cidade non cambiou. Segundo as súas cifras, Eiras atópase "máis ou menos na medida dos últimos 10 anos", cun 82% da súa capacidade, "mellor que o ano pasado pero un pouco por baixo de hai dous anos". A pesar diso, insistiu na importancia de prepararse para un outono seco, como auguran algunhas previsións.

 

Por iso, pediu á cidadanía que reduza o consumo de auga e indicou que enviará unha carta ás principais industrial da urbe co mesmo fin. Ademais, anunciou unha serie de medidas que o Concello levará a cabo, como a redución do tempo e a presión da auga das duchas das praias ou dos sistemas de rega dos xardíns municipais.

 

Caballero volveu cargar contra a Xunta de Galicia, á que criticou por "non facer nada" nin traer "ningunha solución" para a seca. Aínda que o abastecemento de auga é unha competencia municipal, o alcalde de Vigo insistiu en pedir ao Goberno autonómico accións que permitan embalsar máis auga en Eiras.

 

OS ENCOROS CONTINÚAN PERDENDO AUGA

Os encoros galegos continúan, unha semana máis, perdendo auga embalsada, e sitúanse xa ao 51,7% da súa capacidade total, con 1.921 hectómetros cúbicos, 32 menos que hai sete días.

En concreto, segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, os encoros da conca Miño Sil están ao 49,9 por cento, con 1.511 hectómetros cúbicos de auga embalsada, 18 menos que a semana pasada. Na conca Galicia Costa, pola súa banda, hai embalsados 410 hectómetros cúbicos de auga, o que supón o 59,9 por cento da súa capacidade total e 14 menos que hai unha semana.

A nivel estatal, os encoros perderon esta semana 705 hectómetros cúbicos, o que representa o 1,3 por cento da súa capacidade total, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que indica que nestes momentos os encoros gardan 21.291 hectómetros cúbicos e que, por tanto, están ao 37,9 por cento da súa capacidade.

Neste momento os encoros gardan 10.638 hectómetros cúbicos menos que a media do decenio, e algo máis de 4.000 con respecto ao mesmo período do ano pasado. Habería que remontarse a 1995 para atopar un dato por baixo destas cifras. En concreto, na mesma semana de agosto de hai 27 anos, os encoros non chegaban a acumular 15.000 hectómetros cúbicos de auga, segundo os datos do Ministerio, recollidos por Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta