Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 19:28
O colectivo Batas Blancas alerta do "problema grave" de ambulancias ao que se enfronta a área sanitaria de Pontevedra. Un problema, indican, que "non está a ser corrixido de forma urxente" e que pon en risco unha atención de calidade. Precisamente este xoves vén de coñecerse que o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados investiga a morte dunha muller no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Portonovo --no pontevedrés municipio de Sanxenxo--, por mor da denuncia presentada polo marido da falecida, que non puido ser trasladada ata o PAC en ambulancia porque non había ningunha dispoñible.
Batas Blancas tamén informa doutro suceso de "suma gravidade" esta mesma semana e en plenas festas da Peregrina en relación a un "traslado urxente a unha UCI móbil" no que a empresa de ambulancias Civera "incumpriu o contrato e puxo en grave risco o paciente".
Dende o colectivo Batas Blancas emiten unha análise técnica na que recollen que o contrato de Transporte Sanitario actualmente vixente na área sanitaria de Pontevedra foi adxudicado polo Xerente da EOXI, José Ramón Gómez Fernández, en abril de 2021, á empresa valenciana Ambulancias Civera SL por un importe de 11.362.010,19 € e unha duración de 36 meses. Á fase de concurso tan só se presentaron dúas ofertas: Ambulances Civera SL - a máis barata - e Colectivo Extremadura de Ambulances SL.
Pola súa banda, Ambulancias Pontevedra, que, segundo explica Batas Blancas, era a empresa que levaba anos prestando o servizo e "mellor coñecedora das necesidades da zona nesta materia", "parece que optou por non comparecer pola escasa contía do concurso e pola imposibilidade de achegalo en condicións mínimas por esta cantidade". Ambulancias Pontevedra, explica o colectivo, fora adxudicataria do servizo dende o ano 2016 nun concurso centralizado para toda Galicia que foi adxudicado directamente pola Consellería de Sanidade por un importe total de 79.485.545,60 €.
Ante esta realidade, dende Batas Blancas ven "evidente que a Administración da EOXI dificultaba moito aos usuarios a prestación dun servizo coas mínimas condicións de calidade, primando exclusivamente o aforro económico e sabendo, de antemán, que por esa cantidade era imposible prestalo". "Se isto xa é moi grave en si mesmo", proseguen, "máis o é o feito de non facer un seguimento do contrato coas condicións esixidas para que a compañía cumpra, como mínimo, co que ela mesma ofertaba: vehículos novos e híbridos, mínimo de 38 ambulancias, aumento da dispoñibilidade horaria de 2190 horas, bolsa de 1000 horas adicionais/ano...".
Para Batas Blancas, esta situación supón "outro grave fracaso de xestión cun só culpable: D. José Ramón Gómez Fernández, ex xerente da EOXI Pontevedra-Salnés e o seu Director de Xestión económico-administrativa e que, polo momento, o novo directivo, José Flores, mantén no seu equipo". O colectivo demanda tomar as decisións necesarias para solucionar este problema e "depurar as esenciais responsabilidades entre o persoal responsable do seguimento, independentemente das accións xudiciais e/ou administrativas contra a empresa concesionaria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.