Ecoloxistas alertan de que os incendios arrastrarán aos ríos 1,3 millóns de toneladas de terra e cinzas

O impacto nos chans dos incendios de Oímbra e Verín é baixo, aínda que moderado nalgunhas zonas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Ecoloxistas alertaron de que as 42.100 hectáreas arrasadas polos incendios en Galicia durante os últimos meses arrastrarán aos ríos e rías 1,3 millóns de toneladas de terra e cinzas, o que cualifican de "perda inconcibible".

A asociación Arco Iris explicou nun comunicado que os lumes que arrasan Galicia provocaron unha capa hidrofóbica (repelente da auga), coñecida como chapapote forestal, que impide a normal filtración da auga respecto das zonas non queimadas. Esta diminución na taxa de infiltración (TI), testada por diferentes científicos que recolle a asociación, podería roldar o 38%.

Ese rexeitamento á absorción de auga sería envorcada na Taxa de escorrentía, o que aumentaría a erosión en termos porcentuais. É dicir, o abastecemento das augas superficiais sería unha relación directa coa detracción ás subterráneas. Como resultado, o chan perdería ese 38% de humidade.

Apuntan que se obtiveron taxas de escorrentía ata oito veces superiores en zonas de alta intensidade de lume e taxas de erosión 30 veces superiores en episodios concretos de precipitación treboenta.

Ante esta situación, a asociación insta as administracións a instaurar "con urxencia" programas de estudo de todos os factores modificadores das áreas queimadas e a adoptar "de inmediato" mecanismos para amortecer os impactos dos incendios, "algúns xa irreversibles".

"É de esperar que as Rías reciban nun prazo de dous ou tres meses ao redor dun 38% máis de escorrentía de auga con cinzas, de gran poder sedimentario e que podería afectar seriamente os bancos marisqueiros. Ademais, o carácter doce deses afluentes hídricos anormais pode traducirse nunha mortaldade engadida dos bancos, o que produciría en certas zonas, como Barbanza, un verdadeiro cataclismo na extracción de marisco e a riqueza biolóxica da costa afectada", detallan.

Por último, insisten en sinalar que as canles fluviais recibirán unha cantidade inxente de depósitos sedimentarios, que causarán un moi severo impacto en especies piscícolas e colmatarán os encoros. "Eses arrastres de cinzas están a producirse xa en zonas como Pobra do Caramiñal", advirten.

Arrastres de cinzas no Courel. COUREL VIVO
Arrastres de cinzas no Courel. COUREL VIVO

BAIXO IMPACTO NOS CHANS EN OÍMBRA E VERÍN

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro con responsables das comunidades de montes dos concellos ourensáns de Oímbra e Verín para abordar a situación tras os incendios deste verán. Así, a investigadora do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán Cristina Fernández trasladou que o impacto nos chans foi baixo en xeral, aínda que moderado nalgunhas zonas.

Agora, avaliarase a pertinencia de empregar diferentes técnicas paliativas como o tratamento por 'mulching', técnica consistente no uso de palla para evitar arrastres.

Este encontro en Oímbra súmase aos mantidos nos últimos días con representantes de zonas queimadas no Courel e O Barbanza. Na cita deste venres tamén participou a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino.

Ademais, o conselleiro do Medio Rural lembrou aos comuneiros a posibilidade de solicitar 4 millóns de euros en axudas convocadas pola Consellería para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta