'Listo para levar' e "mercaurantes": así se adaptan os supermercados ás novas tendencias de consumo

Vegalsa-Eroski impulsa varios formatos nos seus establecementos que facilitan á clientela "pratos de elaboración caseira" con produtos de proximidade, segundo explica a compañía.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os tempos cambian e con eles, tamén os patróns de consumo e as formas de alimentármonos. Cociñar un guiso a lume manso durante toda a mañá como facían as avoas resulta cada vez máis imcompatible cun sistema vital e de traballo que nos esixe ritmos rápidos e que non deixa tempo para os coidados na preparación dos alimentos. Isto, sumado en ocasións á falta de habilidades culinarias, provoca que xa máis da metade das persoas do Estado, en concreto un 56%, recoñeza consumir produtos listos para comer ou de conveniencia, que van gañando adeptos nunha sociedade en constante apuro. 

Sección 'Cociña' Familia Carballo
Sección 'Cociña' Familia Carballo | Fonte: Vegalsa-Eroski

Estas novas tendencias de consumo son lidas, asumidas e potenciadas por cada vez máis supermercados, que apostan por servizos de comida lista para levar ou mesmo polos chamados 'mercaurantes', aqueles establecementos que contan con mesas para consumir eses produtos cociñados alí mesmo. É o caso da compañía galega de distribución Vegalsa-Eroski, que vén impulsando nos últimos tempos a súa sección 'Cociña', cunha ampla variedade de pratos caseiros, e a súa proposta 'Eroski Rapid', un formato de conveniencia que polo de agora está presente na Coruña e nunha gasolineira en Santiago de Compostela. 

'LISTO PARA LEVAR'

En concreto, a nova sección 'Cociña', presente en Betanzos, Carballo, Poio ou A Sionlla, en Compostela, ofrece á clientela do supermercado unha "ampla gama de 70 pratos elaboracións caseiras de gran calidade", en consonancia coa súa "aposta pola alimentación saudable e de proximidade", explica Vegalsa-Eroski nun comunicado. Así, nestes supermercados, a clientela poderá consumir pratos no propio establecemento, nun espazo específico fóra do supermercado habilitado con cadeira e mesas, ou a través do servizo 'take away'. Ademais, no Familia Ramón de Cueto da Coruña, Vegalsa conta co formato libre servizo, que continuará ampliando en 2022 con 6 novas tendas.

Sección 'Cociña' no Hiper Eroski da Sionlla
Sección 'Cociña' no Hiper Eroski da Sionlla | Fonte: Vegalsa-Eroski

“Froito da nosa aposta pola innovación permanente para adaptarnos ás novas tendencias de consumo, en Vegalsa-Eroski apostamos polos alimentos elaborados con venda asistida para dar resposta ás necesidades dos nosos clientes para todas as horas do día: almorzo, xantar, merenda e cea. E facémolo ofrecendo nesta sección produto caseiro e natural, cun surtido equilibrado coa mínimo presenza de aditivos ou conservantes, nos que teñen un gran papel produtos locais, e a prezos competitivos”, explica Jorge Eiroa, Director de Compras de Vegalsa-Eroski.

Para o apartado 'Cociña' do establecemento de Betanzos, por exemplo, destinouse un espazo de 60m2 que é atendido, explica a compañía, por un equipo de 5 persoas. Parte do produto elaborado na cociña, tanto en frío como asado, tamén está dispoñible para a venda de libre servizo á clientela que prefire non facer cola. Nos armarios frigoríficos pódense atopar pratos preparados, tanto os entrantes como segundos - gazpachos, polo, pratos de culler ou empanadas -; e tamén ensaladas e pizzas xa envasadas ou para elaboración personalizada con coberturas, ademais de sobremesas saudables de diferentes rangos de prezos.

EROSKI RAPID, TENDAS DE AUTOSERVIZO

Así mesmo, os Eroski Rapid poden atoparse na rúa Juan Flórez na Coruña e na gasolineira compostelá situada na Rúa do Casal do Castiñeiriño. Trátanse dun novo formato de conveniencia polo que decidiu apostar a compañía e que supón a principal novidade do negocio da franquía para o próximo plan estratéxico da empresa. "Continuamos innovando en novos formatos que abranguen diferentes tipos de compra para responder a diferentes necesidades. Con Eroski Rapid promovemos a ultra-proximidade da nosa rede comercial, xa que é un modelo flexible que se pode adaptar segundo a localización, o local ou os hábitos de consumo do clientes da zona", explica o director de Ampliación e Franquía da empresa, Pedro Suárez.

Así, por unha banda, potencian o formato de tenda urbana de conveniencia Eroski Rapid a través da inauguración da Coruña, e por outro, o formato dunha tenda de comestibles nunha gasolineira, coma a aberta en Santiago de Compostela. O establecemento na Coruña conta cunha superficie comercial de 150 metros cadrados nos que a clientela pode atopar, os 365 días do ano, de 08:00 a 23:00 horas, un surtido de 2.700 referencias das principais marcas fabricantes e da propia marca Eroski, así como unha ampla variedade de solucións en produtos frescos, lácteos ou en panadería -con forno propio-. Ademais, ten unha máquina para zume de laranxa recén exprimido e máquina de café para levar con café moído natural e leite fresco.

No caso da gasolineira de Santiago, Eroski presenta un formato similar que permite unha compra "rápida e completa". Trátase do primeiro formato franquiciado de Vegalsa-Eroski, xa que durante o ano 2020,  empresa abriu un Eroski Rapid na localidade pontevedresa de

Vilanova de Arousa onde xa contaba cunha gasolineira propia. "Nesta aposta por este novo modelo de tenda de conveniencia, en Vegalsa-Eroski xa estamos en proceso de selección de franquiciados, polo que convidamos a todos aqueles emprendedores que desexen sumarse ao noso proxecto", di Pedro Suárez.

 

En definitiva, trátase de modelos de consumo diferentes aos habituais cos que Vegalsa-Eroski, asegura, confirma o seu "compromiso pola innovación nas súas tiendas para ofrecer novos servizos cos que dar resposta ao cambio de hábitos de alimentación e as novas demandas de consumo dos clientes".

Comedor no Hiper Eroski da Sionlla
Comedor no Hiper Eroski da Sionlla | Fonte: Vegalsa-Eroski
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta