Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2022 | Actualizada ás 19:14
O Encontro Galego contra a OTAN denuncia que o uso de instalacións militares por parte da Alianza Atlántica en Ferrol segue sendo "a tónica xeral á que nos somete o Goberno Español, por moi progresista que se defina".
Nun comunicado, a plataforma asegura que a Armada está a poñer a punto un peirao na cidade para que calquera buque da OTAN poida utilizar as bases navais do Estado español "como centrais de operacións para misións de guerra e agresións alleas aos intereses do noso pobo". Unha situación que, din, "convirte as localidades onde están ubicadas en obxetivos militares, feito que supón a total perda de autonomía para o país".
Por iso, desde o Encontro Galego contra a OTAN denuncian "a obediencia do Réxime do 78 co imperialismo ianqui-europeo e as consecuencias que esta provoca sobre a clase obreira e as capas populares galegas". Tamén mostran o seu rexeitamento ás "reformas, rendendo
pleitesía á Alianza Atlántica, que pretende emprender a Mariña en Ferrol, apuntando a esta zona como un enclave bélico".
Por último, o Encontro volve apelar á "maior unidade posible das organizacións, asociacións e persoas a título individual antiimperialistas a coordinarse na Galiza a través do noso Encontro, para seguir estendendo a defensa da paz e a soberanía dos pobos", sentenzan no comunicado, no que tamén denuncian o compromiso dos estados membro co aumento do gasto militar e a venda de armas ratificado no pasado cumio que se celebrou en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.