Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2022 | Actualizada ás 16:02
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, alertou este domingo do "abandono do rural" por parte da Xunta, parte da crise demográfica.
O lider dos socialistas galegos expresouse así na súa visita á Festa da Malla de Meira, en Lugo, onde sinalou o abandono do rural por parte da Xunta como un dos factores determinantes para que Galicia "sexa a Comunidade autónoma co peor comportamento demográfico".
Formoso apostou por "facer unha revolución tranquila no mundo rural", que permita "ilusionar, moralizar e respectar á xente nova que queira vivir no rural". Reclama así "políticas de reactivación da actividade económica que permita que os pobos pequenos recuperen poboación".
Instou tamén a tomar medidas para recuperar o talento e á xente nova "que hai décadas que comezou a marchar, cando empezou a gobernar o PP", e lembrou que esta etapa supuxo a perda de 150.000 habitantes para Galicia, "onde só nacen cada día 38 nenos, en contraste con Irlanda, que nos anos 60 tiña a mesma poboación que Galicia e hoxe supera os seis millóns fronte aos 2,7 de Galicia".
"Un PP que só ve no rural un territorio no que sancionar, en lugar de aproveitar as potencialidades que atesoura, que é un dos piares do futuro dunha Galicia vinculada á ciencia, á tecnoloxía, á industria, á cadea mar-industria e agroalimentaria", criticou.
Finalmente apuntou cara ao sector forestal, "un alicerce que está en perigo polo abandono demográfico que se evidencia en que cada ano hai máis lumes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.