Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 14:55
A viguesa Chus Lago, primeira española en coroar o Everest sen osíxeno e en chegar á Antártida en solitario, reivindicou o seu papel de muller exploradora. "Emocióname moitísimo porque é un mundo de homes", recoñeceu. A exploradora fixo estas declaracións durante a presentación da novena edición do festival 'Mar de Mares' que se celebrará na Coruña entre o 15 e o 18 de setembro baixo a lema 'Colle a onda'.
"'Mar de Mares' trouxo a este escenario de respecto e defensa dos océanos unha parte que xeralmente non se trae que é a exploración polar", engadiu. Lago e a catalá Gador Muntaner ofrecerán senllos encontros nos que contarán ao público as súas experiencias e porán en valor o punto de vista feminino na historia das grandes aventuras no mar.
No acto de presentación, participou tamén a directora de 'Mar de Mares', Mercedes Carballo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o responsable de Trade Mercadotecnia en Galicia do Grupo Fillos de Rivera, Pedro Astur.
PROGRAMACIÓN
Carballo explicou que o festival conta cunha "programación multidisciplinar pensada para todos os públicos e para todos os intereses" co obxectivo de reivindicar a vital importancia dos océanos e a urxente necesidade de preservalos. "Estará presente a ciencia, a cultura, o ecoturismo, a gastronomía e este ano dunha maneira moi especial, a aventura", puntualizou.
A alcaldesa, pola súa banda, fixo un chamamento á "responsabilidade colectiva" respecto ao cambio climático e a necesidade de "tomar conciencia de que a pegada que imos deixando ten repercusión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.