Radiografía da covid-19 nas residencias galegas: máis contaxios na sexta onda, maior letalidade na primeira

Epidemiólogos da Consellería de Sanidade salientan a eficacia das vacinas a partir dos datos do impacto da pandemia entre residentes e traballadores destes centros durante dous anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A metade dos residentes e traballadores dos centros de maiores en Galicia contaxiáronse coa covid-19. Curiosamente, a sexta onda foi a de maior incidencia pero a de menor letalidade, mentres que a taxa de mortes foi maior na primeira onda. Son datos do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Consellería de Sanidade, ofrecidos agora tras analizar o impacto da covid-19 na incidencia e a letalidade nos centros residenciais de maiores entre o 1 de marzo de 2020 e o 27 de marzo de 2022.

Sabina Salvado recibe a súa dose de vacina contra a covid-19 nunha residencia de Teo (A Coruña)
Sabina Salvado recibe a súa dose de vacina contra a covid-19 nunha residencia de Teo (A Coruña) | Fonte: Xunta de Galicia.

Un equipo de expertos da Dirección Xeral de Saúde Pública analizou tanto o impacto na incidencia (taxa de ataque, número de gromos, reinfeccións, sexo, idade e técnica de diagnóstico) como a letalidade (por sexo, idade, lugar de falecemento e número de centros con falecementos), tanto en residentes como no persoal que traballa nestes centros. Para a análise definíronse seis períodos pandémicos, de modo que cada un incluíse unha onda de covid-19: primeiro período, desde o 1 de marzo ata o 12 de xuño de 2020; segundo, desde o 13 de xuño ata o 27 de decembro de 2020; terceiro, desde o inicio da vacinación fronte ao SARS-CoV-2, o 28 de decembro de 2020, ata o 5 de abril de 2021; cuarto, desde o 6 de abril ata o 30 de xuño de 2021, quinto, desde o 1 de xullo ata o 10 de novembro de 2021, e sexto, desde o 11 de novembro de 2021 ata o 27 de marzo de 2022.

Entre o 1 de marzo de 2020 e o 27 de marzo de 2022 contabilizáronse 15.819 persoas contaxiadas nestes centros, o 51,9% dos residentes e o 47% dos traballadores

Os datos indican que durante ese período de dous anos, 15.819 persoas foron afectadas, o 51,9% dos residentes e o 47% dos traballadores.

A taxa de ataque nos residentes foi do 5,8% na primeira onda, 10,4% na segunda, 6,3% na terceira, 0,1% na cuarta, 2,1% na quinta e 27,3% na sexta onda. Na sexta onda houbo un 11,3% de reinfeccións e o número de focos foi tres veces superior ao da segunda. 

A mortalidade nos residentes foi maior durante a primeira onda (21,8%) e menor durante a sexta (2,4%). Só un traballador faleceu en relación á covid-19. Segundo os últimos datos, o número de falecidos en residencias galegas ascende a 945.

Estas cifras evidencian a eficacia que tiveron as vacinas para reducir a mortalidade entre os infectados.

Aínda que os datos permiten facer unha radiografía do impacto da pandemia de covid-19 nas residencoas de maiores en Galicia, os epidemiólogos da Xunta recoñecen as “limitacións que puido presentar o sistema de vixilancia establecido” pola “infranotificación” por parte dos centros e “os posibles rexistros erróneos ou incompletos”.

INFECCIÓNS

Durante os dous anos de pandemia, entre o 1 de marzo de 2020 e o 27 de marzo de 2022, confirmáronse 15.819 persoas infectadas coa covid-19 nas residencias galegas de maiores, 11.163 residentes (51,9% das prazas) e 4.606 trabajadores (47% do persoal).

Ao comparar a evolución temporal por semanas epidemiolóxicas da incidencia de covid-19 nestes centros coa población xeral, os datos mostran que as taxas de incidencia nos centros de maiores foron moi superiores ás da poboación xeral durante todos os períodos pandémicos.

Os expertos da Consellerían destacan o feito de que durante a quinta e a sexta onda pandémica o pico de incidencia en usuarios de residencias foi posterior ao da poboación xeral.

En canto ao risco relativo (RR) de enfermar pola covid-19 na residencias de maiores, en comparación coa poboación xeral, este foi diminuíndo a medida que avanzaba a pandemia, desde 16,9 durante a primeira onda, ata 0,9 e 1 na cuarta e quinta ondas. Na sexta onda, o RR volveu a un valor superior a 1.

A taxa de ataque en residentes durante a segunda onda (10,4%) duplicou a da primeira onda e case a da terceira; a cuarta onda non tivo impacto nos residentes, cunha taxa de ataque de só 0,1%

“Os centros residencias de maiores son lugares onde a transmisión e a mortalidade atribuída á covid-19 é maior debido ás condicións médicas dos residentes, que constitúen un factor de risco de diseminación e mortalidade por COVID-19”, explican os epidemiólogos da Consellería, que destacan que durante a primeira onda, o risco relativo de enfermar por covid-19 nas residencias foi 16 veces maior que na poboación xeral, aínda que, apuntan, “ese dato puido estar influído porque na poboación non se facían test diagnósticos de SARS-CoV-2, por escaseza destes, e nas residencias durante o mes de maio comezaron a facerse cribados periódicos, de residentes e traballadores, con RT-PCR en mostras de nasofarinxe”.

Recordan, ademais, que en Galicia a prohibición das visitas ás residencias de maiores se fixo efectiva o 16 de marzo de 2020, o cal, din, “pode explicar que a maioría dos casos se iniciasen en residentes, xa que o virus puido entrar na residencia por persoas alleas a estas, e incubarse ata chegar ao pico de afectados a finais de marzo de 2020”. Como lembran, “nese mes aínda non se realizaban cribados e facíanse moi poucas probas, e só cando había unha sospeita clínica moi concreta, o cal pode explicar esas taxas de ataque inferiores”.

Detalladamente, a taxa de ataque en residentes durante a segunda onda (10,4%) duplicou a da primeira onda e case a da terceira. A cuarta onda non tivo impacto nos residentes, cunha taxa de ataque de só 0,1%, debido a que esta poboación acababa de recibir a pauta de vacinación completa, mentres que na quinta onda tivo un lixeiro impacto, cunha taxa de ataque do 1,8%). Xa na sexta onda, dominada pola variante ómicron do coronavirus, a covid-19 tivo un grande impacto, cunha taxa de ataque do 27,3%.

Entre os traballadores ocorreu o mesmo. Durante a segunda onda, a taxa de ataque da covid-19 foi do 9,5%, máis do dobre que na primeira e a terceira onda. A cuarta onda non tivo case impacto e a sexta tivo un gran impacto (25,4%). Na primeira e a sexta ondas víronse afectados por covid-19 un terzo dos centros, na segunda onda un 44%, mentres que na sexta onda o 77,4% dos centros tiveron residentes ou traballadores afectados pola covid-19.

En canto ás características dos casos de covid-19 en residentes, a maioría foron mulleres, cunha idade media arredor dos 83 anos. O mesmo ocorreu entre o persoal, no que a maioría dos casos ocorreron en mulleres, cunha idade media ao redor de 40 anos.

 “O que máis impacta é a explosión na sexta onda debido á difusión da variante ómicron, máis transmisible, aínda que hai que destacar que malia o seu grande impacto en termos de incidencia, tivo mínimo impacto en termos de letalidade" 

Os epidemiólogos da Xunta de Galicia destacan o número de reinfeccións que, na sexta onda, dominada pola variante ómicron, supuxeron o 11,3% dos casos, con cifras similares en residentes e en traballadores.

Ao comparar detalladamente a terceira onda coa segunda, os datos mostran que as taxas de ataque diminuíron un 39,4% en residentes e un 51,6% en traballadores, o cal cren que “pode estar marcado polo inicio da vacinación”. De feito,  a campaña de vacinación entre maiores en residencias comezou o 28 de decembro de 2020 e no mes de setembro de  2021 iniciouse a dose de reforzo vacinal.

Por outro lado, durante a segunda onda pandémica houbo un notable aumento nas taxas de ataque respecto á primeira, dun 82,5% en residentes e dun 126,2% en traballadores, o cal cren que “pode estar determinado porque se fixeron máis test diagnósticos”, a diferenza do comezo da pandemia, cando había escaseza de probas e estas reservábanse para os casos máis graves, polo cal, din, “a incidencia na primeira onda está subestimada”.

Na segunda e terceira ondas houbo gromos que, nalgúns centros de maiores, afectaron ao 80% ou máis dos residentes. Isto, segundo os expertos, puido estar en relación co inicio da circulación da cepa alfa de SARS-CoV-2, que se documentou por primeira vez en novembro de 2020 no Reino Unido e que, na cuarta semana de 2021, estimábase que representaba o 53,3% de circulación do coronavirus en Galicia.

Para os expertos de Sanidade, destaca tamén a case ausencia de casos de covid-19 nos centros de maiores na cuarta onda, marcada pola vacinación completa en residentes e traballadores, e o escaso impacto da quinta onda que, aínda así, determinou a vacinación dos usuarios coa terceira dose de vacina. Con todo, din, “o que máis impacta é a explosión e a gran difusión de casos nos centros na sexta onda debido á difusión da variante ómicron, máis transmisible, aínda que hai que destacar que malia o seu grande impacto en termos de incidencia, tivo mínimo impacto en termos de letalidade (27,3% incidencia e 1,7% letalidade)”.

Algo que tamén salientan os epidemiólogos é o maior impacto que tivo a pandemia nas residencias privadas, en comparación cos centros públicos. “Durante a primeira onda, os centros máis afectados foron os grandes centros residenciais, a maioría con titularidade privada, mentres que na sexta onda houbo a maior explosión de gromos de covid-19 nos centros residencias de maiores, na que se afectaron o 77,4% destes, con independencia da súa titularidade e do seu tamaño”, expoñen.

MORTALIDADE

En canto ao impacto da mortalidade determinada pola covid-19 nos centros de maiores, na primeira onda houbo unha letalidade en residentes significativamente superior á do resto das ondas. Destaca que, aínda que na sexta onda houbo a taxa de ataque máis elevada (más contaxios), a letalidade foi a máis baixa da pandemia. Segundo os expertos da Consellería de Sanidade, isto é debido ás características da variante circulante, ómicron. Iso si, na sexta onda faleceu un traballador.

Nas tres primeiras ondas, dous terzos das defuncións ocorreron en mulleres, cunha idade media de 87 anos. Na quinta e sexta ondas equiparáronse máis os falecementos entre homes e mulleres O hospital foi o lugar da defunción en máis do 50% das mortes en todas as ondas, agás na terceira, que constituíu o 37,8%.

A primeira onda foi a que alcanzou maior letalidade, pero como a incidencia de contaxios durante esa onda “puido estar subestimada”, cren que “a letalidade durante este período puido estar sobreestimada” tamén

Outro dato que salientan desde o Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública é que na primeira onda o 47,4% das defuncións agrupáronse en tan só catro centros, mentres que na segunda e terceira ondas un pouco máis da metade dos falecementos concentráronse en sete centros; mentres, na quinta onda o 70% das defuncións asociáronse con cinco centros e na sexta, a mortalidade estivo máis dispersa e o 40% agrupáronse en 14 centros.

Ao comparar a mortalidade nas residencias de maiores coa da poboación xeral, destaca que na terceira foi moi superior nestes centros e despois baixou drasticamente, quedando por baixo da da poboación xeral ata a sexta onda, o cal, segundo os epidemiólogos da xunta, está influído polos efectos da vacinación.

Polo tanto, a primeira onda foi a que alcanzou maior letalidade. Dado que a incidencia de contaxios durante esa primeira onda “puido estar subestimada”, estes expertos cren que “a letalidade durante este período puido estar sobreestimada”.

“En Galicia, estimouse o exceso de mortalidade pola covid-19 só na primeira onda, atopando unha mortalidade 1,35 veces superior no período estudado en relación ao mesmo período do ano previo”, clarifican.

EFICACIA DAS VACINAS

En definitiva, cos datos analizados, sabemos agora que a sexta onda foi a de maior incidencia, por enriba da primeira, pero tamén a de menor letalidade, que foi maior na primeira. Mentres que a cuarta e quinta ondas tiveron unha menor incidencia polos efectos da vacinación.

Tamén que o impacto da pandemia de covid-19 nos centros residencias de maiores foi superior ao da poboación xeral, sobre todo durante a primeira onda, segundo os expertos, “quizais en parte debido a que neste colectivo se realizaron máis probas diagnósticas”.

Ademais, din, “o impacto en letalidade tamén foi superior durante a primeira onda, posiblemente polo atraso no diagnóstico e o descoñecemento nese momento da enfermidade”.

Recibir tres doses de vacina de ARNm, en relación con non estar vacinado ou recibir dúas doses, asociouse con protección contra as variantes ómicron e delta, aínda que con menor protección para ómicron 

Para estes epidemiólogos, a dinámica de taxas de ataque que ocasionaron as diferentes ondas nos centros residenciais de maiores “tamén está influída pola perda da protección da vacinación fronte ao SARS-CoV-2”. De todos os xeitos, salientan que en decembro de 2021, a recepción de tres doses da vacina “fixo menos probable entre os casos a infección sintomática por SARS CoV-2”.

“Estes achados suxiren que recibir tres doses de vacina de ARNm, en relación con non estar vacinado ou recibir dúas doses, asociouse con protección contra as variantes ómicron e delta, aínda que con menor protección para ómicron que para delta, por iso é polo que se ocasionou a sexta onda na cal a variante circulante foi a ómicron”, explican os epidemiólogos da Xunta.

Os epidemiólogos insisten en salientar os beneficios das vacinas, evidenciados no feito de que o impacto na terceira onda en número de casos foi inferior á segunda,  e a case nula incidencia durante a cuarta onda e a escasa incidencia durante a quinta, que, aínda así, provocou que se administrase unha dose de reforzo vacinal.

No caso da sexta onda, o maior impacto en incidencia pero cunha letalidade foi inferior “puido estar determinado porque a variante circulante foi a ómicron, máis transmisible e menos grave”. Ademais, engaden, “o reforzo da vacinación na maioría dos residentes fixo que os casos se presentasen cunha enfermidade leve, diminuíndo así a mortalidade por efecto da covid-19”.

Con todo, recoñecen que é necesario manter “un seguimento para poder evidenciar o papel que tivo o reforzo da vacinación e é necesaria a información sobre a aparición de novas variantes de SARS-CoV-2 determinantes dos gromos nos centros residencias de maiores e o seu impacto na efectividade vacinal”.

O traballo foi realizado por un equipo experto en epidemioloxía composto por Isabel Losada Castillo, María Isolina Santiago Pérez, Gael Naveira Barbeito, María Otero Barros e Olaia Pérez-Martínez, baixo a revisión de Raquel Zubizarreta Alberdi, subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta