Por Galicia Confidencial | Carballo | 10/09/2022 | Actualizada ás 10:00
Carballo acollerá o vindeiro 16 de outubro, a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, unha peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.
ESTREAS
No FIOT deste ano terá lugar a entrega do Premio Xograr de Outono 2022 a Evaristo Calvo Víctor Mosqueira e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘PIROLÍTICOS’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa.
Na celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental cunha peza na que se lanza, segundo os creadores do espectáculo,“un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista”. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.
Por outra banda, tamén será estrea neste FIOT o novo espectáculo de Alberte Montes, un monólogo que leva por título “Patrón”.
PATRÓN é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura popular galega. Ese cabeza de familia, xefe da cuadrilla, ese pureta que se cre máis e con máis poder do que en realidade ten.
Alberte vaise facendo maior e cre estar entrando nun proceso de “empatronamento”. Tics, manías, xeitos de facer estanlle marcando o camiño. A súa vida cambiou un chisco nos últimos tempos. Vai quedando atrás o Alberte mozo, que saía un martes e non tiña resaca o mércores, que durmía máis cas mantas ou que non tiña que preparar o IVE trimestral.
Neste espectáculo, que estará dentro da programación do ciclo "Rúa dos contos" e no que colabora Hermanager Producións, Alberte Montes tamén renderá tributo ao patrón de referencia, seu pai.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.