Por que Endesa seguirá queimando carbón nas Pontes?

A central está parada desde xullo, mais este ano xa achegou uns 650.000 MWh, un 40% máis que en todo 2021, favorecida pola baixa produción renovábel. Galiza un Futuro sen Carbón califica de" decepcionante, innecesario e inxustificábel" o mantemento de dous dos catro grupos da central de carbón pontesa. Cruce de acusacións entre o Goberno central e a Xunta.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/09/2022 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

Galicia será o único territorio ibérico onde Endesa, sen pretendelo, poderá queimar carbón para xerar electricidade. De feito, a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de autorizar o peche de só dous dos catro grupos da central de carbón das Pontes confirma a “excepción galega”.  Unha decisiónque incumpre o compromiso climático do Goberno estatal que manterá en Galicia un 25% da potencia eléctrica española de carbón (hoxe é o 40%).

Reactivación da central térmica de Endesa nas Pontes
Reactivación da central térmica de Endesa nas Pontes | Fonte: Europa Press.

A central de carbón das Pontes está parada desde xullo, mais este ano xa achegou uns 650.000 MWh, un 40% máis que en todo 2021. "Se se activar antes de final de ano, contribuirá aínda máis ao esperado aumento interanual das emisións de gases causantes de cambio climático da produción eléctrica galega, favorecido pola baixa produción renovable", denuncia o colectivo Galiza un Futuro sen Carbón. A electricidade obtida a partir do carbón é a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2).  

CONTROVERSIA

Precisamente, a decisión adoptada polo Goberno central está a xerar controversia. A propia Xunta, a través do seu vicepresidente económico, Francisco Conde, cualificou de "errática" e "improvisada" a política enerxética do Estado. Mentres, o delegado do Goberno, José Miñones, lembrou como estiveron "a esperar meses e meses" a que o Executivo galego asinase o convenio de transición xusta.

"E agora que tamén está a ter un papel importante na concesión de parques eólicos, en moitos deles vemos como tamén se están bloqueando. Agora mesmo o importante é seguir dando pasos, que eses dous grupos (das Pontes) agora poidan seguir, na necesidade de demanda, se así existise, funcionando", dixo delegado. E é que esa decisión de manter os outros dous grupos é a "máis lóxica e máis coherente" ante "a situación internacional con respecto ao gas e a enerxía", engadiu.

Con todo, Galiza un Futuro sen Carbón esixe que se faga público o informe de Red Eléctrica Española (REE), así como que se aclaren os condicionantes mencionados para manter dous grupos das Pontes sen pechar e o horizonte temporal en que se manterá esta situación.

CAUSAS

Un elemento chave na decisión foi a previsión  do mantemento de elevadas exportacións de electricidade a Portugal e a Francia durante os próximos meses, por causa da seca e a indispoñibilidade de boa parte do parque nuclear francés e ante o aumento da demanda europea pola guerra de Ucraína. "Nese caso, queimaríase carbón en Galicia para contribuír a atender a demanda eléctrica dun país que abandonou o carbón en 2021 (Portugal) e doutro que, dada a súa insensata aposta pola enerxía nuclear, xerou en 2021 apenas catro veces máis electricidade eólica que Galicia, a pesar de ter unha superficie 18 veces maior (Francia)", suliña a entidade.

ENDESA

Tras coñecerse a decisión este luns, Endesa presentou un plan de desenvolvemento de 2.682 millóns de euros que expón a substitución dos 1.400 megawatts (MW) de carbón das Pontes por 1.300 MW de renovables, incluíndo ademais un plan de desmantelamento da central, a instalación de novos proxectos industriais no emprazamento da térmica, o impulso loxístico á terminal do porto de Ferrol e un plan de formación para as persoas da contorna.

O delegado do Goberno destacou este martes que, con esta decisión, Endesa "vai quedar en Galicia", o que permite "garantir moitos postos de traballo" e "carga de traballo para o desmantelamento deses dous grupos que se acaban de pechar" na planta.

A XUNTA PREGUNTA POLO FUTURO DA TÉRMICA

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde, volveu a reclamar ao Goberno central e a Endesa que clarifique o futuro para a central térmica das Pontes e que desta maneira "tanto aos traballadores como os proxectos industriais que demostraron a súa capacidade para desenvolverse na zona, poidan dárselles viabilidade".

Ditas manifestacións realizounas o integrante do Goberno galego na mañá deste martes, durante unha visita á planta Pontes, onde estivo acompañando á delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo.

"A única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700 MW", manifestou, en alusión á autorización de peche de dous do catro grupos co que conta esta central propiedade de Endesa, tras a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de pechar parcialmente a planta.

Así mesmo, Conde asegurou que isto "supón unha evidencia de falta de rigor e de falta de planificación", así como "a constatación, tal e como apuntou sempre a Xunta, de que efectivamente hai un problema de garantía de subministración" no proceso de transición enerxética.

VISITA DA UE

Por outra banda, deputados europeos coñeceron na mañá deste martes as instalacións da central térmica de Endesa nas Pontes no marco da visita que a delegación da comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento europeo está a realizar este luns e martes a Galicia para coñecer sobre o terreo os retos e desafíos aos que se enfronta a industria do noroeste de España en materia de transición enerxética.

Esta comisión está presidida polo alemán Jens Geiere e nela participan os eurodeputados Marion Walsmann (Alemaña), Henna Virkkunen (Finlandia) e Niels Fuglsang (Dinamarca), así como os europarlamentarios por España Izaskun Bilbao (PNV), Susana Solís (Cidadáns), Pilar del Castillo (PP) e Francisco José Millán Mon (PP).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta