Beiras rexeita volver a primeira liña política: "Aos 86 anos sería case grotesco"

O histórico nacionalista recolleu o premio Luís Porteiro Garea polo seu labor de defensa do idioma propio na súa faceta universitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O histórico nacionalista e ex profesor catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Beiras recibiu este mércores o premio Luís Porteiro Garea, polo seu labor de defensa do idioma propio na súa faceta universitaria. "Son un vello rabudo e sigo tendo as mesmas ideas, cada vez máis rotundas", asegurou, en declaracións previas á entrega deste galardón, no que mostrou a súa profunda "emoción" e tivo especiais palabras de agradecemento para o seu discípulo Xavier Vence (tamén catedrático de Economía Aplicada e que tamén foi portavoz nacional do BNG).

Beiras, que recorreu ao seu "afrancesamento" para mostrar que vive 'désabusé' --desilusionado--, rexeitou calquera volta á primeira liña política. "Son moi consciente de que aos 86 anos sería case grotesco que eu tentase ter calquera tipo de participación persoal activa, xa non digo de protagonismo, do que é necesario facer por este país", contestou ao ser preguntado por se no marco das súas aparicións mediáticas está a barallar un regreso a primeira liña de batalla política.

No entanto, reafirmouse nas súas crenzas políticas e na necesidade dun traballo "en dúas claves": en "clave de esquerda" para defender "ás maiorías sociais fronte ás oligarquías" e de "reivindicación do idioma". A lingua propia, motivo precisamente do galardón deste mércores, advertiu de que despois de "40 anos de autonomía ou autoanemia", parafraseando neste último caso a Pilar García Negro, a "defensa do idioma teña que ser feita por organizacións cidadás" como A Mesa pola Normalización Lingüística --citou--.

Así, lembrou que o Estatuto recolle que a lingua propia é o galego, que é cooficial co "español", algo que atribuíu a que é "a lingua do Estado, mentres exista". Xa durante o seu discurso no acto que tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia e que presidiu o reitor da USC, Antonio López; Beiras afirmou que, para el, o uso do idioma propio na universidade "non foi un esforzo especial, senón natural", posto que recibiu educación e tivo acceso a libros desde mozo en galego. "Iso marca, iso convértete nun ser insólito e nun privilexiado, desde o punto de vista de identificación do país", remarcou, tras lembrar que a Castelao xa o puido ler con 13 anos.

Beiras, que repasou algúns episodios da súa infancia e da súa vida, e mesmo de cando se embarcou na fundación do BNG --que agora cumpre 40 anos--, tivo ocasión de reencontrarse co propio Vence e con outras caras coas que compartiu batalla política no seo da formación nacionalista, o tamén profesor universitario Carlos Aymerich, quen foi tamén portavoz parlamentario do Bloque.

Xosé Manuel Beiras, á súa chegada á Facultade de Historia da USC, xunto ao seu discípulo na facultade de Económicas e ex portavoz nacional do BNG Xavier Vence e Carlos Aymerich, que foi portavoz parlamentario do BNG
Xosé Manuel Beiras, á súa chegada á Facultade de Historia da USC, xunto ao seu discípulo na facultade de Económicas e ex portavoz nacional do BNG Xavier Vence e Carlos Aymerich, que foi portavoz parlamentario do BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 nostrus

La defensa del idioma propio (como él dice) será para las personas que prefieren usarlo, pero defender el idioma a base de imponerselo a los que no quieren usarlo no es digno ni honesto.

1 Sentidiño

Propio de Galicia, non persoal propio (por falarmos con propiedade), cando o Beiras iniciou carreira académica. Mais hoxe tamén "idioma propio da USC", de acordo aos seus estatutos.