Todo comezou cando no verán de 1979 escoitei na radio a canción “Voulez-Vous”. Catro meses despois, estando na emigración en New Jersey, vivín un dos días máis felices da miña vida. Foi a única vez en oito anos na que o meu pai veu (con mamá, acompañados polos amigos dos meus pais Filomena e Francisco Riobó, os dous de Domaio preto de Vigo) comigo a Manhattan. Ese día vin por primeira vez a un famoso na rúa: Buddy Ebsen o Doc marido de Audrey Hepburn en Almorzo con diamantes , e vin por primeira vez os anxos con trompas que levan á pista de patinaxe que preside un Prometeo dourado en Rockefeller Center, e foi ademais a primeira vez que merquei un disco. Non un senón dous, o volume primeiro e o volume segundo dos éxitos de ABBA, na tenda King Karol a carón de Radio City Music Hall.
Despois, varios artigos, un na revista Reader’s Digest e outro do gran crítico Stephen Holden no New York Times, e a súa actuación de ABBA no festival benéfico para Unicef no cal estrearon a mozartiana “Chiquitita” fixeron medrar a miña fascinación por esta banda, considerada cada vez máis a mellor de música pop da década dos setenta. Un forte amor platónico pola loura Agnetha de pálpebras pintadas de azul e os para min exóticos nomes doutros dos músicos – Rutger Gunnarson ó baixo, Lasse Wellander na guitarra, Malando Gassama na percusión, Ola Brunkert na batería - completaba a fascinación.
Capas. Para chegar a ABBA é necesario pasar a través de capas e capas de tópicos. Suponse que a súa é música light, cando procede de fontes tan potentes como son os Beatles, os Beach Boys, a ópera, a música clásica, barroca e romántica, a música popular italiana e latinoamericana, a música gospel e a música soul. Suponse que é un grupo charramangueiro, hortera en castelán, que só resulta apto para mulleres e xente homosexual. Isto débese a varios factores, como as rechamante vestimentas que lles deseñaba Owe Sandström e os vídeos cheos de cores do director Lasse Halström.
Sexi. Nos numerosos vídeos de ABBA que aparecen na rede - os oficiais e os de actuacións en directo ou facendo playback - resulta curioso ver un paradoxo: por unha banda, os compoñentes visten roupa elegante e europea, con xerseis e chaquetas para a neve como case ninguén máis se atrevería a poñerse nos vídeos oficiais (ver “Take A Chance On Me”), e en contraste os vestidos pegados á pel de Frida e Agnetha en concertos como o de Wembley (en 1977 cando tocaron dúas noites no Royal Albert Hall de Londres había tres millóns e medio de peticións de entradas para un aforo de cinco mil cincocentos!), que provocaron desexos furibundos en Australia.
Pero non facían falta nin vestidos nin movementos de cadeiras à la Rihanna ou Shakira. Ver o perturbadoramente sensual xesto de Agnetha de morder o labio inferior, por exemplo no vídeo de “When I Kissed The Teacher” para a televisión francesa en 1976, e a maneira de todos eles de resistir os primeiros planos non é ningunha broma. Se por enriba hai cancións como “Honey Honey” que leva arquexos incluídos ou as incitacións ao sexo que son “Lovers (Live A Little Longer)” – we started!, exlama Agnetha - e “Voulez-Vous” entonces xa podemos ver a ABBA entre os cantantes de maior sexualidade da historia.
Parellas. Tal como explica o crítico Jim Irvin nun brillante e valente artigo de portada para a prestixiosa revista musical británica Mojo, había en ABBA un detalle que lles outorgaba unha “deliciosaa e divertida dinámica que os facía únicos: a xente nesta banda déitanse os uns cos outros! “ En efecto, era estraño pensalo, como Romina e Albano ou Sergio e Estíbaliz por partida dobre. A dozura e a sensualidade, a melancolía amorosa que impregna os temas de ABBA eran en grande medida elementos autobiográficos, e poucas cancións levan enriba unha carga emocional tan forte como “The Winner Takes It All”, o gañador lévao todo. É unha frase que non é certa, como explicou Agnetha na súa autobiografía: nun divorcio perden todos, e máis se hai fillos. Pero ela aceptou gravar esta canción do seu ex Björn, e tanto o triste vídeo como o uso que fai dela Meryl Streep cando a canta na película Mamma Mia expresan a desolación da ruptura. O feito de que Björn e Agnetha romperan o seu matrimonio case ó mesmo tempo que Benny e Frida marcou a súa música como a infidelidade de Ian Curtis marcou a de Joy Division. Pasar da alegría exultante dos vídeos de “Bang-A-Boomerang” e “Ring Ring” aos rostros desfeitos pola dor das separacións dos catro membros de ABBA no clip de “One Of Us” é unha viaxe pola sinceridade dunha odisea persoal compartida e ofrecida ao mundo enteiro.
Hai que sinalar que o conxunto das cancións de ABBA, como sucede con outros grandes artistas, acaba sendo unha sorte de tratado do amor, e chama a atención o refinamento civilizado e progresista das súas mensaxes, como o tema sobre un divorcio que na versión en castelán se titula “No hay a quién culpar”, ou ese fenomenal descarte que é todo un resumo musical das virtudes do grupo, o himno contra o machismo que é “Put On Your White Sombrero”.
O mellor. Precisamente esa canción de principios dos anos 80 “Put On Your White Sombrero” contén esa especie de clímax que xa aparecía, case coma un paroxismo, no minuto 2:57 de “Dancing Queen”. É coma unha esencia do grupo. Cada oínte terá os seus temas favoritos. O meu tema preferido, “S.O.S.” – que tamén lle gustaba a John Lennon – tivo a mesma sorte que “More Than This” de Roxy Music, cantada entrañablemente mal por Bill Murray na película Lost In Translation de Sofia Coppola, xa que en Mamma Mia outro actor, Pierce Brosnan, toca a fibra sensible desa maneira. Outros temas a destacar son “Super Trouper”, “Lay All Your Love On Me” co irresistible solo de sintetizador ó final, a emocionante “Knowing Me, Knowing You” que lle gustaba a Pete Townsend, a hipnótica “Eagle”, a sensual “Summer Night City” e as dúas pezas que teñen encantadores detalles medievais “The Piper” e “The King Has Lost His Crown”. A moita xente encántanlles tamén temas como “Money Money Money”, “Fernando” e “The Name Of The Game”, e hai xoias pouco coñecidas como “Cassandra”, “Elaine”, “Al andar”, “Monsieur Monsieur”, “Hamlet III” e a impresionante mestura que dura nove minutos composta con maquetas de “Like An Angel Passing Through My Room”. Paréceme notar unha influencia do meu grupo favorito The Police no derradeiro lanzamento de ABBA: “Under Attack” ten unha liña de baixo moi semellante á de Sting en “Driven To Tears”.
Admiradores. A seguinte lista de artistas admiradores de ABBA dá unha clara idea do valor da formación sueca:
Alan Parsons
Brett Anderson, de Suede
Bruce Springsteen
Crispian Mills, de Kula Shaker
Eliza Carthy
Elvis Costello
Erasure
James Dean Bradley, dos Manic Street Preachers
Joey Ramone, dos Ramones
Mark E. Smith, de The Fall
Meat Loaf
Moby
Pete Townsend, de The Who
Peter Hammill
Roy Wood
Saffron, de Republica
Sharleen Spiteri, de Texas
The Christians
The Kinks
Tim Rose
Tina Turner
Tinder Singh, de Cornershop
Tony Visconti, produtor de David Bowie
U2
Con seguridade, hai moitos máis “abbafans”, e pódese destacar a versión que fai a estrela da ópera Anne Sofie von Otter do tema “Like An Angel Passing Through My Room” pertencente ao derradeiro álbum do grupo, The Visitors de 1981. Os grupos de música tecno en particular, como The Human League, A Flock Of Seagulls, Yazoo, Eurythmics ou Erasure quedaron prendidos de ABBA, ó igual seguramente que outros brillantes escandinavos como A-ha e os Cardigans.
Calcúlase que se teñen vendidos 400 millóns de discos de ABBA. O éxito masivo, como se demostra en exemplos que prefiro non nomear, non é garantía de calidade, pero a cifra de ventas chama a atención, en parte polo feito de que en certa medida se trata de música dirixida a adultos, se ben tamén tivo moito predicamento entre a mocidade. Por certo que se en España tivera que escoller un grupo espello de ABBA ese sería Mocedades, que conta con esa portentosa mestura de Agnetha e Frida que é Amaya Uranga.
En Galicia. No caso de Galicia, escollería dúas formacións como espellos de ABBA. Por unha banda, os Xocaloma da zona de Carballo e Bergantiños, que tiñan o tesouro da voz de Dolores Plata, e por outro os Chouteira, da zona de Cangas do Morrazo, Redondela e Vigo, que contaban coa xenial Ugía Pedreira de Foz, e tamén facían bo uso do acordeón como o que acompañou toda a vida a Benny Andersson, creador nos últimos anos dun fermoso valse dedicado á súa segunda esposa Mona Nörklit para o cal fixen un vídeo en YouTube (“Waltz For Mona”). Outras bandas galegas de grande beleza melódica e voces femininas que tal vez teñen influencia dos suecos son Luar Na Lubre, A Quenlla, Na Lúa e tamén os fundamentais Fuxan Os Ventos.
As conexións galaicas con ABBA son tenues. Veñen das terras dos viquingos que andaban por aquí preto de Rianxo en Catoira, e hai quen di que tamén por Lestrove, agora Lestrobe, na mesma casa onde viviu Rosalía e na cal estivo Castelao para unha reunión política. Que máis? Hai algunhas orquestras, como a París de Noia, que teñen feito popurrís da banda sueca. Gustaríame encontrar máis lazos. Como a súa dicción en inglés é excelente, eu adoito poñer os seus vídeos nas clases, e como non inclúo a canción “Mamma Mia” porque non é favorita miña, o alumnado pide que tamén a amose. Mike Oldfield, que si ten conexións galegas directas, gravou unha versión do instrumental “Arrival” que dalgún xeito soa como a música celta.
Non sei de máis vínculos. Vin hai pouco nas librerías Encontros e Follas Novas de Compostela que están á venda e a prezos non excesivamente altos dous libros de formato grande sobre o grupo e espero podelos ver algún día. Desexo que se teña un concepto máis xusto do habitual con este grupo ao que dificilmente se lles poden pagar as moitísimas horas de felicidade que nos legaron co seu esplendor visual e musical.
Bibliografía:
- Holden, Stephen. “ABBA Looks Back On Its First Decade”, New York Times, 13 febreiro 1983.
- Irvin, Jim. “All Tomorrow’s Parties”, MOJO, Londres, maio 1999.
- Sánchez, Miguel Ángel. ABBA. Cátedra, Madrid, 1995.