O BNG defende que as cooperativas con sección de crédito teñan un tratamento normativo diferente á banca

Con esta iniciativa "defenden un modelo crediticio alternativo", din.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/09/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no próximo pleno do Congreso dos Deputados unha modificación na regulación dos contratos de crédito inmobiliario para que as cooperativas con sección de crédito que non teñan por obxecto social a prestación profesional de servizos financeiros estean exentas das esixencias dos grandes bancos nos préstamos hipotecarios.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego | Fonte: BNG.

Con esta iniciativa "defenden un modelo crediticio alternativo, á marxe da banca, que favoreza o desenvolvemento económico local baixo unha concepción social".

Así, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou que a Lei Reguladora dos Contratos de Crédito Inmobiliario aprobada no 2019 "establece unhas esixencias nas que equipara esta cooperativa de consumidores con sección de crédito ás entidades bancarias ou cooperativas de crédito".

"Tanto polas súas características intrínsecas como sociais, as cooperativas con sección de crédito deberían quedar excluídas na aplicación desta normativa, xa que non interveñen no mercado cunha finalidade empresarial nin investidora", defendeu Rego.

Ademais, destacou que o tratamento diferenciado implica "unha vulneración ou incumprimento" da normativa que establece a composición e funcionamento democrático dos órganos de goberno das cooperativas.

"O consello reitor debe ser elixido polos membros cooperativistas. Na práctica estas esixencias están a impedir que as cooperativas de consumo poidan continuar a desenvolver ese labor de prestamos aos seus cooperativistas que é esencial nun modelo económico máis social", sentenciou Rego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta