Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 14:39
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou ao Goberno novas medidas a "curto prazo" ante o custo da enerxía, durante unha visita á refinaría de Repsol na Coruña na que destacou o papel que empresas como esta deben ter no ámbito da transición enerxética.
Tras unha visita, con presenza, entre outros, do director xeral de Transición Enerxética de Repsol, Luis Cabra, e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, o conselleiro insistiu, preguntado sobre o papel das empresas enerxéticas, na importancia destas, pero tamén na necesidade de que Executivo central e UE adopten "medidas e políticas que permitan atallar este prezo eléctrico".
Ademais, argumentou que o Goberno "acertou" cando "fixo caso" ás propostas da Xunta. "Necesitamos medidas a curto prazo", dixo o titular de Economía para quen, ata agora, houbo "medidas parciais, positivas, pero parciais".
PROXECTOS DE REPSOL
Por outra banda, cualificou a empresas como Repsol de "actor principal" ante a transición enerxética, en liña co manifestado tamén por Luís Cabra, quen trasladou o "compromiso" da compañía neste sentido. "O mundo necesita estar descarbonizado para que poida seguir movéndose sen comprometer a seguridade do planeta", dixo tamén.
EÓLICA MARIÑA
Na visita e a preguntas dos xornalistas sobre o proxecto para construír no porto exterior da Coruña a primeira plataforma eólica mariña experimental de Galicia, Conde reiterou que o obxectivo é que Galicia se converta en líder neste ámbito. "Galicia quere que na transición enerxética a eólica mariña sexa un dos vectores", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.