Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:37
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, adiantou este mércores que o Consello da Xunta desta semana aprobará o incremento do 50% das axudas para material escolar, que pasarán de 50 a 75 euros para as unidades familiares con menos de 6.000 euros de renda per cápita.
Rodríguez defendeu na sesión plenaria o sistema de axudas para libros de texto que impulsa a Xunta, "progresivo" e baseado no nivel de renda das familias, un sistema que "funciona razoablemente ben" e "non chega a unha minoría", se non "ao 75% das familias".
Así o dixo en resposta a unha interpelación no Parlamento formulada pola deputada socialista Noelia Otero, que reivindicou "libros gratuítos para todos", a imaxe do banco de libros que, no seu día, promoveu o Goberno bipartito liderado por Emilio Pérez Touriño.
Na súa intervención, Otero advertiu do "panorama dantesco" que teñen por diante as familias galegas por mor da crise e afeou un sistema de axudas a libros e material escolar que, dixo, "non chega nin á metade do alumnado".
Fronte a isto, a deputada do PSdeG dixo que o sistema do bipartito "era unha medida máis eficiente" e, ademais de "chegar a máis alumnos", supuña un menor custo. "Non é máis caro", apostilou.
UN SISTEMA "XUSTO"
En contraposición, Román Rodríguez defendeu o sistema actual en base á renda que, asegurou, chega "ao 75% das familias galegas". "Pareceríalle ben que os cidadáns galegos pagásennos os libros aos que estamos neste Hemiciclo, ou aos que están fóra e teñen salarios maiores que nós?", preguntou, en referencia ao sistema universal.
O sistema galego, lembrou o conselleiro, combina axudas económicas para a adquisición de libros nos niveis nos que non son reutilizables, un fondo de libros, cheques para compra de material escolar e utilización do libro dixital.
En datos, Román Rodríguez asegurou que o fondo de libros --de terceiro de primaria a cuarto de ESO-- beneficia a uns 80.000 alumnos, en base a criterios de renda, mentres que 26.800 alumnos son beneficiarios das axudas para adquisición de manuais de primeiro e segundo de primaria e educación especial.
En canto ao material, escolar, as familias con rendas inferiores a 6.000 euros por integrante, que recibían un cheque de 50 euros, pasarán a recibir 75 euros. Todo iso compleméntase con 60.000 usuarios de libro dixital, dixo o conselleiro. Para Román Rodríguez, o adecuado é establecer un "sistema xusto, solidario e redistributivo" que "concentre as axudas nas familias que máis o necesitan".
Paralelamente, acusou á deputada socialista de "tentar desviar a atención" sobre "os erros do Goberno central", xa que é a aplicación da Lomloe a que obriga a cambiar todos os manuais dos cursos impares. "A necesidade este ano de facer fronte a un maior numero de compra de libros é pola implementación atropelada da Lomloe", dixo Rodríguez, que afeou ao Goberno de Pedro Sánchez que non puxese en marcha "ningunha medida" económica para axudar ás familias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.