Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 29/09/2022 | Actualizada ás 17:33
Arrinca a gran homenaxe ao mellor marisco de cuncha da ría de Pontevedra (mexillón, navalla, vieira, berberecho, zamburiña, ostrón, ameixa e escupiña). Será dentro da II edición da Festa das Cunchas, unha festividade gastronómica do Concello de Pontevedra que pretende converter a esta cidade como Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023 dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro.
A festa comezará cun Roteiro de Petiscos protagonizado polos establecementos de hostalería de Pontevedra que incluirá a celebración da Batalla das Cunchas. Tamén traerá como principais novidades a instalación dun Mercado das Cunchas na Praza de España entre os días 6 e 9 de outubro e a estrea dun Circuíto de Orientación Gamificada ‘quiztrack’ (preguntas e respostas) ‘Cidade Candidata a CEG 2023’.
Neste evento participan integrantes da restauración local que conforman a Banda Cociñas de Pontevedra: Marta Santiago, de A Fervella; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte; Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, de El Cafetín; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña; Sergio Roma, de O Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de O Padal da Santiña.
A edil socialista Yoya Blanco aproveitou a presentación para desvelar o nome da institución á que neste 2022 lle será outorgado o Loureiro: “O CIFP Carlos Oroza, pola súa contribución á gastronomía durante os seus 25 anos de historia”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.