Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/10/2022 | Actualizada ás 15:13
O exalcalde de Santiago e portavoz de Anova, Martiño Noriega, rexeitou falar de "futuribles" con respecto a se esta se implicará activamente no proxecto 'Sumar' impulsado pola vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz. En todo caso, suxeriu que, neste momento, o camiño da formación a cuxa primeira liña regresou, "é outro".
Recentemente Noriega volveuse situar á fronte de Anova, a organización que impulsou, entre outros, o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras tras a saída do BNG en 2012, e este luns participou na presentación de María Rozas como candidata de Compostela Aberta --espazo político co que el foi rexedor da capital galega-- á Alcaldía en 2023.
Noriega apuntou que volve a primeira liña a ocupar "outro rol, máis en clave organizativa e de botar unha man", sendo consciente de que el agora está incorporado ao seu traballo como médico, no que desexa continuar. "Pero corresponsabilizado para botar unha man no espazo de Anova e seguir participando tamén no espazo de Compostela Aberta", dixo.
Como argumento, apuntou que, aínda que a sociedade vive "un momento diferente ao da crise económica", enfróntase "con outro tipo de ameazas á democracia", por exemplo "coa chegada da extrema dereita a moitas institucións". Existe, dixo, "un capital político" en Anova e "un patrimonio humano que había que activar".
"Como dicía un amigo meu, algo que non é só atribuíble á política, nestes tempos despois da pandemia e da crise a cabeza diche o que hai que facer pero o corpo non acompaña. Pois eu decidín conectar cabeza e corpo e tentar pór en valor referentes de espazos de Anova e da esquerda do país como Xosé Manuel (Beiras), Antón (Sánchez) ou Oriana (Méndez); de moita xente que achega e participar nese dique de contención", esgrimiu.
Noriega sinalou que a súa situación persoal é "moi distinta" á de hai tres anos e exponse a volta á primeira liña en clave de implicación social pero compaxinando o seu labor político co seu traballo. "Hoxe tiven que escapar un intre", explicou, e aludiu ás "xornadas maratonianas" nunha sanidade pública que, dixo, permitiulle "reconectar moito" coa cidadanía.
Por iso quere implicarse para "botar unha man tendendo pontes e xerando espazos de combate", pero preguntado acerca de se mantivo algunha conversa con Díaz, replicou que "como responsable de Anova non". Iso si, puntualizou que el ten coa ministra "unha relación como persoa", como ten con outras moitas do espazo político.
E sobre a participación activa en 'Sumar' de Anova, manifestou a súa convicción de que, nestes momentos, "o camiño de Anova é outro", unha vía de "reconstrución" e de reactivar o traballo desde unha perspecita social e non tanto "en clave electoral", durante os últimos dez anos "no epicentro de todo".
COLABORAR CO BNG?
Deste xeito, aínda que afirmou que Anova sempre será "responsable", defendeu que a "prioridade" agora é "facer traballo social". "E logo o tema electoral xa se verá. Nestes momentos estamos centrados nas municipais e participaremos en diferentes candidaturas", explicou, para engadir, sobre calquera outra cuestión, sería "absolutamente irresponsable" falar de "futuribles".
"Nestes momentos non é un debate aberto e Anova ten agora mesmo outros camiños, ten que reactivar ese traballo fóra do ámbito electoral", dixo Noriega, quen, nunha entrevista con 'Faro de Vigo' esta fin de semana, remarcou a súa convicción de que a súa formación e o BNG "deben colaborar" e apuntou á posibilidade de facelo "nalgunhas candidaturas locais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.