Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 17:15
Iffe Biotech, filial do grupo industrial e de servizos Iffe Futura, con sede en Oleiros, ten previsto producir ata 10.000 toneladas anuais de omega-3 na planta que actualmente está a construír no polígono industrial das Somozas, nun proxecto que arrincou hai máis de doce anos neste municipio da comarca de Ferrolterra.
Así o anunciou o CEO de Iffe Biotech, David Carro, na mañá deste martes, durante a visita realizada a estas instalacións na que se deron cita, entre outros, o vicepresidente primeiro e conselleiro Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Francisco Conde asegurou nestas instalacións que "Galicia vai seguir apostando pola biotecnoloxía", o que considerou "unha aposta segura, polo impacto que ten na saúde" así como nos sectores primarios e na industria. "Isto tamén incide na economía circular, tal e como é este proxecto, un claro exemplo deste tipo de economía", engadiu.
PRIMEIRO CONTRATO
Pola súa banda, David Carro adiantou que Iffe Biotech acaba de asinar con outra empresa galega, Biomega Natural Nutrients, o seu primeiro contrato para a subministración de 100 toneladas de omega-3 que producirá na súa nova planta das Somozas, actualmente en fase construción e que comezará a producir o próximo ano 2023
O tamén conselleiro delegado e fundador de Iffe Futura sinalou que, para poder producir nesta planta omega3, investiranse 18 millóns de euros e crearanse ata 75 posto de traballo, 35 directos e outros 40 indirectos, e a planta de Ferrolterra "refinará, desodorizará e blanqueará o omega-3, co fin de que non se prexudiquen as características dos produtos nos que se integre".
Ademais, detallou que o omega-3 que producirá a planta das Somozas será "sustentable, ao tratarse dunha materia prima de orixe natural como o aceite de peixe, que permitirá reutilizar os subproductos da industria pesqueira galega e contribuír á economía circular".
MEDIO AMBINTE
A preguntas dos medios de comunicación sobre se esta nova planta vai supor algunha afección sobre o medio ambiente, sobre todo na produción de cheiros, o conselleiro delegado de IFFE Biotech asegurou que esta industria é completamente respectuosa co medio ambiente.
"Esta foi unha das preocupacións tanto por parte das administracións públicas como nosas no propio proxecto, que ten á sustentabilidade como alicerce fundamental e non é unha actividade que poida afectar o medio ambiente", dixo. Os principais mercados aos que se venderá o produto son Europa e Estados Unidos, pero tamén se espera chegar a Asia e Latinoamérica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.