Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2022 | Actualizada ás 13:37
A Consellería de Educación negou as acusacións de "censura" e "presións" ás directivas de centros educativos, aínda que manifestou que considera que colexios e institutos "deberían quedar á marxe de reivindicacións políticas, sindicais e ideolóxicas".
"Para iso hai outros espazos", aseverou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, en resposta durante a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Manuel Lourenzo.
Durante a exposición da súa pregunta, o parlamentario frontista acusou ao departamento que dirixe Román Rodríguez de "censurar, presionar e silenciar" á comunidade eductiva que, durante o arranque deste curso, manifestou as súas queixas polos "recortes" de profesorado.
Neste sentido, fixo alusión aos casos de dous centros educativos, o IES A Sangriña da Guarda (Pontevedra) e o IES Punta Candieira de Cedeira (A Coruña), cuxas direccións foron, segundo resaltou Fernández, "censuradas" por expresar o seu malestar ante decisións da Consellería de Educación. En concreto, o claustro de profesorado do instituto guardés emitiu un comunicado no mes de agosto no que asegura que a consellería ordenou a retirada dun texto publicado na web do centro no que denunciaban "como afectarían os recortes" de docentes no próximo curso.
Na súa resposta, a responsable da Administración autonómica acusou ao BNG de "confundir interesadamente" co sucedido nestes centros, pois remarcou que a Xunta respecta a liberdade de expresión das directivas e o profesorado dos centros pero estes, como traballadores públicos, teñen unha serie de "obrigacións e deberes" fixados por lei.
"Non se conculcou en ningún momento a liberdade de expresión dos centros. Outra cousa é que a Consellería de Educación teña que tomar medidas que, ás veces, non gustan e que as directivas teñan que adoptar e acatar normas que non comparten", incidiu Judith Fernández.
"Os centros educativos si deberían quedar á marxe de reivindicacións políticas, sindicais e ideolóxicas, para iso hai outros espazos", engadiu a directora xeral, cuxa intervención foi replicada polo parlamentario nacionalista, quen instou á Xunta a "retirar as montañas de propaganda basta e infecta" que, segundo Lourenzo, figura na web da Consellería de Educación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.