Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2022 | Actualizada ás 14:00
Ca reactivación tras a pandemia dos proxectos Erasmus+ de mobilidade, son miles os estudantes que tiveron que buscar aloxamentos nas diferentes cidades de destino para comezar o curso.
Porén, están saíndo á luz as estafas que están vivindo moitos destes estudantes, tanto dentro de España como nas diferentes cidades europeas. Por exemplo, recentemente denunciábanse como moitos Erasmus españois que están tendo grandes problemas para encontrar un aloxamento digno en Italia, moitos están durmindo amoreados en pisos, incluso tendo que cancelar a beca por non ter onde aloxarse.
Pero non só en Italia se viviron situación como estas, senón que noutros países de Europa moitos Erasmus galegos tamén están tendo problemas para atopar piso. “Teño un amigo que está vivindo nun hostal”, indica Antía Gómez, estudante de Farmacia na USC que acaba de comezar un Erasmus en Eslovenia. E é que este rapaz, como comenta a estudante, denegáronlle a residencia cando xa a tiña aprobada e tivo que buscarse a vida no último momento, facendo que tivera que iniciar o curso sen un lugar onde vivir.
OFERTAS QUE ACABAN SENDO ESTAFAS
Pero Antía non só coñece os problemas á hora de atopar piso por un compañeiro, xa que ela mesma viviu en propia persoa as calamidades que pasan os estudantes de intercambio cando se encontran co momento de buscar un aloxamento onde pasar o curso que estudan. Antía explica que a súa primeira opción era hospedarse nunha residencia pero, por falta de información, acabou solicitándoa tarde, facendo que quedase sen praza.
Entón a súa única opción era buscar un piso de estudantes. Ela indica que en Galicia estivo buscando principalmente por Facebook ofertas de pisos pero que viu como “o único que atopaba eran timos”. E é que Antía, cando contactaba cos caseiros e estes lles enviaban fotos dos inmobles pasaba as imaxes por Google Imaxes para ter un pouco de fiabilidade e ao final “sempre me daban que non correspondía co que se me estaba vendendo”.
Ante esta situación, e seguindo a recomendación de estudantes de anos anteriores, decidiu ir a Eslovenia a finais de agosto e buscar persoalmente o piso desde alí. Previamente contactou cunha inmobiliaria da zona e puxo todas as citas para ir ver os pisos na semana que ela estaba na cidade. Desta forma foi capaz de encontrar un piso en condicións.
Para ela o máis difícil á hora de buscar piso foi o prezo e entenderse cos caseiros xa que “algúns non falaban inglés polo que a comunicación era imposible”. Agora que xa está instalada, a estudante confesa que paga máis do que tiña pensado facer nun principio se entraba nunha residencia, pero indica que o prezo do piso que alugou está na media da zona. Con todo, e a pesar de que comenta que está contenta co resto dos seus compañeiros e que a experiencia está sendo boa, Antía tamén recalca que “o de atopar un piso bo, bonito e barato é moi complicado e máis nunha cidade na que non estás afeita e nun país no que non controlas”.
REXEITADA POR VIR A ESTUDAR SÓ UN SEMESTRE
Pero os problemas dos estudantes á hora de encontrar un piso no que vivir non só pasan no resto de países de Europa, senón que en Galicia, e máis concretamente en Santiago, a situación tampouco é fácil para aqueles que deciden vir estudar desde o estranxeiro.
Marcella Antunes, unha estudante brasileira de Xornalismo que está facendo un convenio bilateral na USC relata a gran cantidade de problemas que se atopou cando se puxo a buscar piso na capital galega. Marcella decidiu vir a Santiago e coller unha habitación nun hotel durante tres días para atopar piso. Para ela era fundamental encontrar onde vivir nese tempo, xa que non se podía permitir estar máis tempo nun hotel, pero a busca converteuse nun pesadelo e nunha carreira a contra o reloxo.
O primeiro que fixo Marcella, xa desde Brasil e tamén unha vez chegou a Santiago, foi enviar unha gran cantidade de correos electrónicos á xente que buscaba compañeiros e piso e tamén a persoas que ofertaban vivenda pero “ou non contestaban o contestaban moi tarde”. Con todo, no seu segundo día, si que encontrou a unha caseira que estaba disposta a ensinarlle o seu piso pero “cando me preguntou canto tempo quedaría e lle dixen seis meses non me quixo nin mostrar o piso”, xa que a ela só lle interesaban estudantes que quedaran todo o ano. Marcella, xa desesperada ao ver que pasaba o tempo e non encontraba un lugar onde quedar, intentou convencela. “Díxenlle que tal vez podería quedar todo o ano ou que lle buscaba estudantes para que foran o seguinte semestre pero negouse”. A estudante saíu dese encontro “decepcionada” e “con rabia” xa que a muller foi completamente “impasible” con ela.
A futura xornalista tamén contactou con outra caseira que si estaba disposta a alugarlle o piso pero este tiña tres habitacións “e eu non coñecía a ninguén” e o requisito era que tiña que firmar o contrato antes de mudarse, o que fixo que Marcella se botara para atrás porque “tería que pechar, ler e firmar un contrato nunha lingua que non é a miña. Tiña esa responsabilidade eu soa e para min era moito”, sinala.
Finalmente, xa no seu terceiro día e sen ningunha opción, a estudante envioulle un correo á residencia como último recurso “implorándolle que tiveran unha habitación para min e dixéronme que había dispoñible”. A pesar de que ao principio non estaba contenta con ter que vivir nunha residencia “porque é moi solitario”, agora xa está máis integrada e feliz xa que esta é máis barata que un piso e “como a moeda de Brasil está moito menos valorada que o euro para min é moito diñeiro”, explica.
“OS PISOS DE SANTIAGO DAN VERGONZA”
Ademais da dificultade de moitos estudantes para encontrar piso na capital de Galicia, moitos quéixanse das malas condicións na que se atopan. De feito, Antía Gómez antes de ir de Erasmus a Eslovenia estivo vivindo catro anos en Santiago e afirma rotundamente que “os pisos dan vergonza”.
A estudante explica que normalmente pídese moito máis polos pisos do que realmente valen e que as fotos que ensinan non se corresponden coa realidade. “Os pisos non están nas condicións que deberían estar para ti estar pagando esa cantidade”, comenta. De feito, Marcella afirma que unha rapaza de Erasmus alugou un piso e cando chegou non era como se mostraba nas fotos e tivo que cambiar.
Do mesmo xeito, durante estes anos que Antía estivo vendo pisos na cidade, sinala que viu barbaridades como “habitacións que non son habitacións senón cuartos para as vasoiras ou pisos que están sucios incluso para ensinalos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.