Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 15:54
O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade de todos os grupos, unha iniciativa impulsada polo PPdeG --e negociada con BNG e PSdeG-- que pide favorecer o acollemento familiar nos menores de idade, conforme recolle a lei, así como ampliar o investimento destinado a este ámbito.
Precisamente, o pasado sábado coincidindo coa celebración da asemblea xeral das asociacións de acollemento familiar, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un incremento das axudas para as familias que acollen a menores, un 20 por cento máis cun millón máis nas contas galegas. Este xoves, a Comisión de Sanidade e Política Social aprobou unha iniciativa encamiñada a seguir impulsando esta alternativa para os menores que o precisan.
"Consideramos que é a mellor fórmula para protexer o interese superior dos nenos, nenas e adolescentes en situación de desamparo", manifestou o viceportavoz popular Alberto Pazos, quen foi o encargado de defender a iniciativa.
O texto aprobado pide implementar o acordo alcanzado no seo da Conferencia sectorial extraordinaria conxunta de Igualdade, Infancia e Adolescencia "garantindo que nos prazos establecidos" ningún menor "estará nun centro de acollemento", senón que aqueles que necesiten ser acollidos farano nun modelo familiar.
Pazos puxo o acento en que, en ocasións, as familias atravesan dificultades "graves" que impiden a atención normalizada das necesidades dos menores no seu núcleo familiar e, neste contexto, "toma especial importancia a figura do acollemento familiar, un recurso proporcionado polas familias que, con gran xenerosidade, acceden a acoller temporalmente no seu fogar" a estes nenos.
"COMPROMISO"
O PPdeG defendeu o "compromiso coas familias galegas de todo tipo e condición" por parte da Xunta no últimos cinco meses, con distintas medidas de apoio que foron "adoptadas para proporcionar seguridade aos fogares galegos nun contexto especialmente complicada".
Entre elas, citou a universalización da gratuidade das gardarías, a ampliación do calendario vacunal ou a equiparación fiscal das familias con dous fillos ás familias numerosas (no ámbito fiscalidade galega).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.