Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 16:44
Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados sobre a falta de medios e medidas para combater os incendios en O Courel, ademais de esixir que se "axilicen" as axudas para os afectados.
Así, o deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, alegou que "as axudas tardan máis do previsto e as familias e municipios necesítanas xa". "Non temos noticias sobre cando van chegar nin de que maneira e é unha información que é xusto que as persoas afectadas o saiban", asegurou.
Gómez Reino tamén denunciou que a Xunta "incumpre" a normativa europea para a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, "como informou a Comisión de Medio Ambiente".
"É unha vergoña que Europa non faga máis que sinalar á Xunta por incumprir a lei e por maltratar ao patrimonio natural de Galicia. Oxalá non houbese consecuencias tan grandes como estes incendios que provocaron o desaloxo de 60 aldeas e calcinaron mais de 11.000 hectáreas, pero así é. O Goberno de Rueda e antes o de Feijóo son os culpables de que os montes estean desprotexidos e iso é algo que pagamos todos", asegurou.
Na iniciativa rexistrada no Congreso preguntaron ao Executivo central se vai obrigar ao Goberno galego a cumprir a normativa europea para a protección de 65 zonas da Rede Natura, así como se coñece se a Xunta iniciou xa as tarefas para a protección de ladeiras, aldeas e ríos polo arrastre de terra e cinzas tras os incendios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.