Por Gabriel Rei-Doval | Cannon Beach (Oregón, USA) | 16/10/2022 | Actualizada ás 10:00
Carlos Castaneda influíu en persoas de todo o planeta con diferentes historias persoais. Unha delas, Casandra, agardaba no aeroporto de Burlington para voar a Portland no albor de novembro. Tiña os ollos escuros coma noite dos tempos a piques de se expandir en big bang e atrapaba cal burato negro tódalas miradas do aeroporto alleas á gravidade paquidérmica de Burlington. Eu atopeina sentada nunha tumbona marfil eclipsando a vista férrea do elefante co seu cristalino antracita e melena crecha.
Casandra nacera en Nova Orleáns de pai mexicano e nai haitiana. Desde cativa bebera no sincretismo espiritual crioulo de pai practicante da Tensegridade e nai devota da maxia negra e criárase entre historias de chamáns embutidos de peiote e sacrificios de galiñas en sábados á noitiña.
Unha noite de febreiro, deitada soa na súa camiña infantil de tenues barrotes cadrados, Casandra comezou a percibi-las sabas brancas de algodón máis e máis finas ata tornaren como papel biblia. Entón unha enerxía arrepiante descoñecida procedente da cabeceira do leito asolagouna, o teito achicóuselle ata sufocarlle a respiración e os tímpanos comezaron a bruarlle coma boia en noite de treboada.
Nestas chegou seu pai Genaro dun mítin chamánico invernal. Cando abriu a porta exterior do rancho as percepcións pavorosas de Casandra cesaron mentres Genaro se desfacía en agarimo arrolándoa no berce dos seus brazos. Ó pescuda-la causa das súas percepcións extrasensoriais seu pai preferiu ocultarlle os rituais vodús de súa nai naquela noite entre cabezas de carneiros Suffolk e patas de galiñas da Guinea. E Casandra fíxose maior coidando as prácticas castanedianas de seu pai Genaro seren o motivo dos nunca comprendidos pesadelos infantís que a asediaron durante anos.
Sentados na cola do Boeing que aterrou en Portland chegou o epílogo ós terrores infantís de Nova Orleáns. O providencial casamento con Bill trala universidade soterrara vivos baixo formigón armado tódolos pesadelos de Casandra e desde entón o sorriso verde oliva de Bill funcionara como antídoto perfecto ós padecementos infantís. Refugadas as súas orixes latinoamericanas, aperta-las comodidades gringas na costa noroeste do Pacífico supuxera o inicio dunha nova e saudable plenitude. Durante case dúas décadas como instrutora de ioga na praia de Cannon Beach atopara o espazo perfecto para gozar das beizóns reparadoras do Océano mentres Bill amasaba como avogado mercantil a fortuna que financiaba o palacete familiar con vistas ó Pacífico e mailas viaxes invernais a Hawai.
E absortos nestas lerias chegamos á costa procedentes do aeroporto, aparcamos onda o Surfsand Resort e baixamos ata a praia camiño do senlleiro rochedo de Haystack Rock. Dirixiámonos ó inmenso pelouro e algo comezou a mudar na afiada queixada de Casandra cando mentei a praia ser un marco incomparable para a práctica da Tensegridade. Os seus suaves pómulos en uve lucida comezaron a abombarse e a pel a arrepiárselle coma Andy Goonie estarrecida por Sloth Fratelli.
Sen sabérmolo, por veces simples palabras poden desconxunta-lo mapa oculto dos nosos recónditos adentros. Sorrín intuíndo algún flashback infantil naquela inescrutable mente crioula e Casandra apurou o paso ata o pé do rochedo. Percibín un hálito de algas con arrecendo a coco maduro e quixen acougala cun this will pass too. Mais na beira de Haystack Rock, o seu ollar acibeche succionou as miñas procuras de empatía e inutilizou as radiacións de metta que lle acheguei desde a quietude. Hai feridas infantís que ningunha práctica dá enchido e só o paso do tempo pode aliviar.
Casandra saíu escopetada e a súa figura esvelta comezou a facerse diminuta mentres se afastaba. Sen saber reaccionar, fitei as ondas romperen no rochedo antes de volver ata Wayfarer Restaurant. E velaí estaba ela no coche, remexendo entre a súa equipaxe na procura dun chuvasqueiro.
“Os saúdos ó sol e mais Bill fanme esquece-las arrepiantes noites de Nova Orleáns”, afirmou entre saloucos. Eu, consciente de que que ningunha práctica pode repara-las feridas da alma infantil sen axuda externa, só souben articular “a túa historia ben merecería unha entrega de Viaxes sen Lee”, ó que ela retrucou desafiante “a calquera retallo compartido da miña historia responderei facéndoche vodú desde Cannon Beach”.
Aquela foi, hai xa ben meses, a última vez que vin a Casandra e só podo dicir que levo sentindo punzadas agudas no meu cóbado esquerdo desque comezou a escrita desta historia. O doutor Merriman diagnosticoume cóbado de tenista, mais eu pregúntome se Casandra seguriá ensinando clases de ioga vinyasa ou se estará na costa de Oregón aplicándome vodú xunta a praia de Cannon Beach.