Literatura galega en vídeo e en inglés para promover a cultura contemporánea no exterior

O Consello da Cultura lanza un proxecto con material audiovisual en galego e inglés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega presentou a primeira acción de 'Galicia, unha cultura por descubrir', que arrinca cun proxecto sobre literatura e que busca promover os grandes temas de creación da cultura galega contemporánea no exterior a través de materiais en galego e inglés.

Esta primeira acción, baixo o título 'Galicia: unha literatura por descubrir' deuse a coñecer na véspera da Feira do Libro de Frankfurt, a maior feira comercial do mundo, na que España é un dos países invitados. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, sinalou que están "a facer un esforzo por internacionalizar a cultura galega" e destacou que se trata "dun proxecto a medio-longo prazo".

O formato consiste en tres vídeos de entre 9 e 11 minutos que permiten entrar no universo literario de cada un dos autores e que segundo encargada da acción, Dolores Vilavedra, son "materiais sen data de caducidade" e que supoñen "un compromiso coa cultura galega". Ademais, sinalou que "buscan chegar a públicos o máis amplos posibles".

O director de 'culturagalega.gal', Manuel Gago, explicou que os tres temas escollidos son "de gran relevancia no panorama editorial europeo contemporáneo". Así mesmo, aclarou que non se busca "vender un sector, senón unhas ideas" e que "a base é deixar falar ás autoras e autores".

O primeiro capítulo, sobre a escritura da natureza conta con Manuel Rivas e Olga Novo como protagonistas, sendo Fina Casalderrey e Ledicia Costas as encargadas do segundo que ten como centro a literatura infantil e xuvenil sendo "un dos ámbitos máis innovadores do mercado editorial". Mentres que Xosé Manoel Núnez Seixas e Suso de Toro reflexionan sobre o papel do pasado, da herdanza e as súas facturas, na última entrega.

FACILITAR O ACCESO A UN PÚBLICO INTERNACIONAL

Tanto aos vídeos como o resto de materiais xa se pode acceder a través da páxina web 'culture.gal' de "fácil acceso para un público internacional". Ademais, Gago destacou "a importancia dos materiais audiovisuais" na nova liña de visibilización da cultura galega.

Esta acción enmárcase dentro do Plan de Acción Exterior da institución, que busca reforzar a presenza da cultura galega no exterior. O Consello da Cultura Galega incide en que é "un primeiro achegamento a un proxecto máis amplo".

Manuel Gago, Rosario álvarez e Dores Vilavedra na presentación de 'Galicia, unha cultura por descubrir'. CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Manuel Gago, Rosario álvarez e Dores Vilavedra na presentación de 'Galicia, unha cultura por descubrir'. CONSELLO DA CULTURA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta