Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/10/2022 | Actualizada ás 21:50
O Grupo Voz está disposto ao que sexa para que o grupo Prensa Ibérica, dono de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, non se faga con El Correo Gallego, en concurso de acrredores desde o pasado verán. Tras retirarse finalmente da oferta, o grupo de Santiago Rey decidiu apoiar a unha das partes que si continuaron adiante, ao congromerado de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U., un consorcio de empresas con polémicos xestores, entre eles, o fundador de Blussens, José Ramón García, con causas xudiciais pendentes.
Tal e como puido saber Galicia Confidencial, o Grupo Voz remitiu un documento de apoio á oferta deste conglomerado empresarial a comezos deste mes para reforzar as posibilidades, ante a decisión xudicial, de que sexa este o que, finalmente, se faga coa cabeceira, en detrimento da oferta realizada por Prensa Ibérica.
Neste documento, asinado por Lois Blanco, director xerar da Corporación Voz de Galicia, La Voz, que di que é o "primero grupo de comunicación en Galicia y editora del diario y de la web líder en la comunidad", asume o compromiso de reforzar a súa colaboración para "la viabilidad y competitividad" da unidade produtiva de El Correo Gallego se no proceso concursal aberto é adxudicada á oferta presentada polas sociedades Acca Media S.L., Numancia Capital S.L. e Blecua Capital S.L.U.
Así, La Voz insiste neste documento de apoio a esta oferta que conta coa distribuidora de diarios e revistas "máis grande de Galicia", entre cuxos clientes figuran La Voz de Galicia, o propio El Correo Gallego e os grupos editoriais de La Región e La Capital, que edita, entre outras cabeceiras, El Ideal Galego e Diario de Ferrol.
"Asimismo, dispone de la rotativa más moderna instalada en el noroeste de España, donde se editan una quincena de diarios gallegos y nacionales, caso de El País, ABC, AS, La Razón, Mundo Deportivo o Cinco Días", recolle o documento. Deste xeito, o grupo La Voz se compromete a "dar cobertura en termos competitivos" á unidade produtiva de El Correo Galego, se a adxudicación recae na oferta contraria a do grupo Capital. Así mesmo, puntualiza que a colaboración ampliarase á plataforma dixital, a área multimedia, os contidos xornalísticos e outros servizos "en los que la experiencia en la gestión periodística del grupo de comunicación líder en la comunidad es incuestionable".
Con todo, no documento non queda claro como será esa colaboración no caso de que a oferta de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U., sexa finalmente a que gañe, xa que, en todo caso, esa decisión corresponderá a nova dirección que se faga cargo do grupo Editorial Compostela, editora de El Correo, e non a La Voz.
UN ÓRDAGO AO GRUPO PRENSA IBÉRICA
Con esta decisión, La Voz, que decidiu retirarse da oferta a última hora, tal e como tamén relatou Galicia Confidencial, deixa claro que non quere que o grupo do catalán Javier Moll de Miguel se faga forte en Galicia e poida converterse nun serio competidor informativo, publicitario e, sobre todo, nun contrapoder mediatico no país, especialmente, na provincia da Coruña, onde reside boa parte do poder do grupo coruñés.
Prensa Ibérica ten 33 xornais autonómicos ou provinciais, catro xornais deportivos, 12 revistas, tres radios, tres televisións, sete portais temáticos, dúas productoras e unha editorial. En conxunto, este grupo ten 2,4 millóns de lectores diarios, o que representa o 26,6% da audiencia total, segundo o EGM, e move millóns de euros en negocio. En Galicia, o grupo xa posúe dous xornais, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. O seu interese é agora, facerse con El Correo Gallego para facerlle sombra ao poder mediatico que La Voz de Galicia ten no país.
A OUTRA OFERTA
A outra oferta xurdiu tras unirse varias empresas do mundo da comunicación e da tecnoloxía. Trátase do congromerado de ACCA Media S. L., Numancia Capital S. L. e Blecua Capital S. L. U., liderada polo empresario compostelán José Ramón García, de Acca Media. De feito, o seu nome estivo xa nos intensos rumores de venda do xornal no verán de 2020.
A relación de García con El Correo Gallego ven de lonxe. Acca Media está domiciliada desde o 2019 no número 10 de la calle Polonia, no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela. A mesma ubicación á que se trasladou El Correo Gallego en 2017, tras abandonar a súa histórica sede en O Preguntorio, no centro do casco vello de Compostela. De feito, é a oferta preferida do director actual do xornal, que tamén é dono de parte do grupo, José Manuel Rey Nóvoa.
ASUNTOS XUDICIAIS
José Ramón García tamén está involucrado en asuntos penais. O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretaba o pasado novembro a apertura de xuízo oral contra o fundador de Blusens e outros oito acusados por un delito contra a propiedade intelectual polo caso do seu receptor que facilitaba o acceso a contido 'pirata'.
Pola súa banda, Luis Enrique Dueñas, empresario madrileño, é dono de Blecua Capital. Tamén ten participacións en 26 sociedades diferentes e, ademais, é presidente de Mercadeuda, dedicada á compra de dereitos de cobro de empresas que se atopan en liquidación.
Este empresario tamén está salpicado por temas xudiciais. O seu nome aparece en multitude de ocasións no sumario da Operación Titella, que investiga unha suposta macroestafa que pivota ao redor da figura de José Luís Moreno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.