Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 18:44
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa está a citar a traballadores sanitarios e sociosanitarios, así como á poboación entre 60 e 69 anos para recibir a próxima semana a cuarta dose da vacina contra a covid-19. Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, que indican que, en caso deste tres grupos, todos eles serán inoculados nos 'vacunódromos'.
Cabe lembrar que, desde o pasado venres, os recintos masivos de vacinación xa acollen a pacientes situados na franxa etaria de 70 a 79 anos, mentres que desde este martes o Sergas chama aos centros de saúde aos maiores de 85 anos que non quixeron ou non puideron acudir aos 'vacunódromos'.
Todo "empezou segundo o previsto", tal e como destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios durante unha visita realizada este mércores ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.
Ademais, o titular de Sanidade da Xunta confirmou que todos aqueles que non poidan acudir nin aos recintos masivos nin aos centros de saúde sempre teñen a opción de recibir este segundo reforzo contra a covid nos seus domicilios, unha opción pola que xa optaron 2.400 galegos, segundo a cifra que deu.
Aínda que non achegou datos concretos sobre a adherencia á campaña da cuarta dose, García Comesaña si afirmou que a asistencia está a ser "alta", coas "cifras habituais" de fases anteriores en Galicia.
TEMPO DESDE QUE ATRAVESAN A INFECCIÓN
Preguntado sobre canto teñen que esperar as persoas que pasasen recentemente ou estean a padecer a infección nestes momentos, o conselleiro explicou que os expertos diferencian entre os maiores de 80 anos e os menores.
En canto aos maiores, o "tempo ideal" entre padecer a covid-19 e porse a cuarta dose é de tres meses, mentres que, para os menores de 80, o prazo é de cinco meses. En todo caso, tampouco "pasa nada se se pon antes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.