Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 18:57
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participou este venres pola tarde, xunto con Fito Rodríguez e María de Lluc Muñoz, no evento cultural Beyond Spain, que se celebrou en Frankfurt ao ser España a convidada de honra na Feira do libro da cidade alemá, un dos maiores eventos do mercado cultural internacional.
Trátase dunha iniciativa internacional que ten como obxecto ofrecer un espazo para a creación cultural e literaria, para as linguas e os dereitos lingüísticos e para as ideas democráticas. "A creatividade vibrante anunciada para a Feira do Libro ten un lado escuro", sinalou Maceira, "e mantén a consideración das linguas e das culturas galega, vasca e catalá, como inferiores".
No caso galego, Maceira lembrou o "incumprimento sistemático da escasa lexislación que ampara a nosa lingua", desde o Estatuto á Europea da Linguas, por parte da Xunta e do Estado español, a pesar das reclamacións da sociedade galega e mesmo do Comité de Ministros do Consello de Europa, recordan dende A Mesa.
"O galego está presente en menos do 1% das sentenzas xudiciais, en menos do 1% dos seguros, en menos do 0,4% dos xoguetes, non é posible facer trámites coa administración do Estado (Facenda, Seguridade social ou SEPE, entre outras) e temos unha oferta audiovisual anecdótica", dixo o presidente da Mesa.
"E a todo isto engádense as restricións ao noso idioma no ensino". "Con esta realidade", finalizou Maceira, "non pode sorprender que o galego retroceda no seu uso. Soprende, pola contra, que a pesar disto continúe a existir e que aínda existan moitas persoas dispostas a actuaren para repolo e normalizar o seu uso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.