Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 11:34
Carballeda de Valdeorras rexistrou esta mañá ventos de case 150 quilómetros por hora, os valores máis altos desta xornada de alerta por ventos e choivas en Galicia. As precipitacións máis abundantes caeron en Rois e en varios puntos da provincia de Pontevedra.
En concreto, segundo os valores máximos ofrecidos pola web de Meteogalicia, a estación meteorolóxica de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, notificou refachos de 149,0 km/h pasadas as 8,00 horas. O segundo valor máis alto, a bastante distancia, rexistrárono os medidores de Serra do Eixe, na Veiga, con 122,2 km/h ás 6,00 horas. O terceiro foi en Cervantes, na estación de Ancares, con refachos de 120,6 km/h ao redor das 9,00 horas.
Isto demostra que os fortes ventos afectaron este sábado practicamente toda a xeografía galega. De feito, tamén houbo valores por encima do 100 km/h en Cedeira e Camariñas, Viveiro e A Pontenova, e Oia, entre outros.
En canto ás precipitacións caídas ao longo do día, as estacións que máis cantidades rexistraron sitúanse na provincia de Pontevedra, aínda que o pico notificouse na estación de Costa, en Rois, con 58.5 litros por metro cadrado. Os seguintes valores máis altos están en Ponteareas, con 57,1 l/m2; en Tui, con 56,9 l/m2; no Rosal, con 52 l/m2; e no Porriño, con 51,8 l/m2.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.