Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 22:00
Máis de 500 persoas do servizo de extinción de incendios forestais de Galicia --segundo os datos da Policía Nacional-- manifestáronse este martes en Santiago de Compostela contra a "temporalidade" do emprego nos seus postos de traballo. "Polos dereitos laborais dos bombeiros forestais de Galicia, por unha estabilidade laboral, por un aumento do tempo de traballo e porque estamos a perder dereitos", expuxo durante a marcha un dos vogais de Apropiga, David López.
A manifestación, con saída de San Lázaro e chegada a San Caetano, foi convocada pola Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (APROPIGA) e pola Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA). Baixo o lema 'Dignidade laboral, traballo estable todo o ano', pronunciáronse na defensa do traballo 12 meses do ano, pola recuperación dos dereitos perdidos, pola cobertura de prazas e polas mellores laborais en contra da precariedade laboral "que están a sufrir" os bombeiros forestais, "especialmente despois do verán máis duro dos últimos tempos".
Galicia Confidencial conversa con Roi Bañón, bombeiro forestal condutor de motobomba e vogal por Pontevedra de ATRIFOGA, que debulla as problemáticas laborais ás que se enfronta o persoal e o seu impacto nos labores de prevención e extinción. El, coma moitos dos seus compañeiros, é traballador fixo-discontinuo tan só durante seis meses ao ano.
"QUEREMOS TRABALLAR TODO O ANO"
Por que saídes á rúa este 25 de outubro?
Reclamamos a fin da temporalidade da metade do Servizo de Prevención contra Incendios Forestais, que se compón dun 1.000 traballadores empregados durante seis meses, 500 durante nove, e unha pequena parte, entre 600 e 700 traballadores, contratada durante todo o ano. O 18 de novembro marchan os de 6 meses e o 30 de novembro os de 9, polo que o dispositivo queda reducido a unha mínima parte. Loitamos porque o servizo estea operativo todo o ano, porque hai traballo de sobra, o que faltan son ganas de que se execute por parte da administración.
Que traballo se deixa de facer con 1.500 empregados do servizo na rúa?
Prevención. Temos un conselleiro [de Medio Rural, José González] que está dicindo todos os días que o problema dos incendios se soluciona con prevención, pero se prescinde de dous terzos do dispositivo nos meses de inverno e cando se acaba a campaña de incendios, ese labor non se pode facer. É incongruente, di unha cousa e fai a contraria. Por iso nós reclamamos que se tan importante é a prevención, que nos contrate todo o ano. Cómpre facer limpeza de faixas secundarias e de pistas forestais. Ao redor das casas está todo sen limpar, e dende o 2017, moitas pistas estanse pechando de maleza. Vemos que onde hai anos había un camiño de cinco ou seis metros de ancho, agora reduciuse á metade. Queremos facer mantemento das infraestruturas forestais e anticiparnos aos incendios.
En que situación queda agora o persoal que tan só traballa durante seis meses?
Nós quedamos no paro, a expensas de atopar outro traballo ou cobrar o paro ou algunha axuda. O persoal de nove meses pode cobrar o paro durante os tres meses que está na casa, pero aos de seis non nos dá, polo que temos que buscarnos a vida. Eu teño a sorte de que dispoño dun traballo nunha empresa de paquetaría que ten aumento da carga de traballo co Nadal, pero é difícil. Hai quen non ten sorte.
Denunciades un "abandono" por parte da Xunta. Que melloras laborais precisades para poder traballar ben?
A principal demanda é traballar todo o ano, pedimos a fin da precariedade laboral e da temporalidade. Queremos deixar de ser interinos, que haxa un sistema de entrada polo que sexamos fixos dende o comezo. Agora mesmo, en torno ao 60-70% do dispositivo está en situación de interinidade. As últimas oposicións para estabilizar persoal foron no ano 2003, e hai dous anos houbo outras pero aínda non culminou o proceso.
Ademais, temos o problema de que cando a administración precisa cubrir prazas anuais, en vez de chamar polo persoal de seis meses, tira dunhas listas de substitución polas cales entra xente nova sen tanta experiencia, mentres nós quedamos na casa. Non ten sentido. Reclamamos igualmente que se cubran todas as prazas, porque agora só se están cubrindo menos da metade de postos de xente xubilada, que está de baixa... Este verán vimos que había reténs con dúas, tres e incluso unha soa persoa, polo que cumpría xuntar tres reténs para facer unha brigada completa. A isto sumouse que os convenios que a Xunta debía firmar cos concellos a principios de campaña non se asinaron ata finais de agosto, polo que os dispositivos non estaban baixo mínimos, pero si con moitas carencias.
RESPONSABILIDADES NOS INCENDIOS FORESTAIS
A Fiscalía está investigando as posibles responsabilidades da Xunta de Galicia nos incendios deste verán, a raíz dunha denuncia interposta pola plataforma 'Por un monte galego con futuro', que critica a "inacción" do Goberno galego ante o lume, o que, din, "agravou os danos". Roi Bañón pon o foco na "falta de medios e, sobre todo, de prevención", e demanda á administración "investir diñeiro e formar á xente" como medida para mitigar uns incendios forestais cada vez máis "incontrolables" debido ao cambio climático e á situación de "abandono" en que se atopan moitas zonas rurais.
"A pandemia e os períodos estivais con mal tempo fixeron que estiveramos uns tres veráns con poucos incendios, pero ao inicio desta última tempada reunímonos co director xeral de montes e expuxémoslle que os lumes de noite ían volver. Non o tomou en serio, e os lumes de noite volveron", explica Bañón, que matiza que nos últimos tempos non houbo un incremento de incendios, pero si da súa virulencia e da súa capacidade de se propagar, sobre todo neste verán. "Onde antes un incendio tardaba máis en reproducirse, hoxe en seguida se fai grande. Corren coma a pólvora pola falta de prevención", sinala o bombeiro forestal.
"A maleza está tan esaxeradamente grande que deixa de haber cortalumes, e en moitas situacións, o único que podes facer é escapar do lume", explica. O balance deste último verán resúmese en 44.000 hectáreas queimadas e os dous maiores incendios dende que hai rexistros en Galicia, en Valdeorras e Folgoso do Courel. Son ben máis que as 16.000 hectáreas que a Xunta de Galicia marcara como máximo no Plan de prevención e defensa contra os incendios dorestais de Galicia (Pladiga), aprobado a comezos de xuño cun custo estimado de 180 millóns de euros. Xa daquela, asociacións ecoloxistas e de persoal forestal sinalara que "non era realista".
A XUNTA: "O NOSO COMPROMISO CO DISPOSITIVO É INELUDIBLE"
A Consellería de Medio Rural, pola súa banda, traslada a Galicia Confidencial o seu "compromiso ineludible e demostrable cun dispositivo antiincendios público, profesional e versátil" e rexeita falar dunha situación de precariedade do colectivo de profesionais. "Entre 2017 e 2020, incrementamos progresivamente o tempo de traballo do persoal de tres meses ata os seis meses de contratación. Esta medida supuxo practicamente duplicar os custos laborais deste persoal, que pasaron, en números redondos, de algo menos de sete millóns de euros a máis de 14 millóns", explica o departamento de José González.
Así mesmo, asegura que os postos de traballo de nove meses pasarán a 12 meses, e pon o foco no "proceso de funcionarización en marcha". No que respecta á prevención, a Xunta sinala que Galicia é a autonomía "que máis inviste", uns 180 millóns de euros nos que se inclúen, di, "accións transversais" como a "recuperación de terra, o plan de pastos ou a ordenación forestal". Tamén asegura "traballar para garantir unha axeitada dotación de medios ao persoal e para mellorar, ampliar e renovar o parque móbil do servizo". Por último, a Xunta remarca que "o 97% do monte galego é propiedade privada e son os propietarios das parcelas os que teñen a obriga de xestionar a súa biomasa".
Porén, ATRIFOGA, ante a situación que viven os bombeiros e bombeiras forestais a pé do monte, demanda dotar os dispositivos do persoal suficiente para desenvolver unha prevención efectiva, estabilizar as prazas e rematar coa "precariedade laboral" que, din, dificulta tamén os labores de extinción. "Diñeiro hai, cómpre investilo ben", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.