Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 19:27
Despois dun parón obrigado de dous anos causado pola situación sanitaria, os Congresos Estatais de Escolas Oficiais de Idiomas retoman a súa actividade bianual coa celebración do seu duodécimo evento. Fano en Santiago de Compostela, cunha organización a cargo da Asociación de Profesorado de EOI de Galicia (APEOIGA), e cun lema que homenaxea a súa celebración no bienio Xacobeo.
"O Camiño das Linguas" converterase, xa que logo, nun punto de encontro para todo o profesorado de Escolas de Idiomas a nivel estatal (case 6.000). O congreso esgotou as inscricións hai xa varios meses.
Nel terán lugar cinco conferencias plenarias que realizarán importantes personalidades do sector: Víctor Fernández Freixanes (presidente da Real Academia Galega), Neus Figueras Casanovas (especialista europea en avaliación de linguas), Ignacio Palacios Martínez (catedrático da USC), Daniel Cassany Comas (profesor e investigador na Universidade Pompeu Fabra) e Andrés Ajo Lázaro (Servizo Español para a Internacionalización da Educación-SEPIE).
As máis de 500 persoas asistentes tamén contarán cun amplo catálogo de relatorios e talleres nos que poderán participar. Máis de cen conferenciantes do Estado e internacionais xuntaranse no Gaiás para tratar temas vitais para a actualidade do ámbito lingüístico, como son a internacionalización das EOI, o ensino semi-presencial e o “blended learning”, ou as novas metodoloxías no ensino de linguas.
As principais casas editoriais especializadas en material didáctico para o ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras estarán presentes nun espazo de exposición de acceso libre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.