Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 14:13
"O futuro é galego, e o futuro é en feminino", conclúe a cociñeira Lucía Freitas en Superheroínas. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela presentan, estreada este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación.
A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto Novas voces para a lingua, impulsado por ambas as institucións para visibilizar e promover o uso cotián do galego entre a mocidade ao darlles voz a novos creadores e creadoras. Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas, nunha proposta de pezas breves dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).
O vídeo da cociñeira distinguida cunha estrela Michelin pode xa verse nas páxinas web da RAG e da USC e nas súas redes sociais. Nas vindeiras semanas iranse estreando os demais episodios dunha serie que pretende "desacralizar e levar a contraria", explica o director. "Levámoslles a contraria aos medios de comunicación porque non nos dan oco á xente nova. Ademais é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca amosar unha muller que usa o idioma no seu día a día", enumera José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación da serie.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; o vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; cinco protagonistas da serie e o seu director participaron este mércores na presentación celebrada no centro. "Este acordo nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega", lembra Víctor F. Freixanes.
O acto contou tamén coa intervención de Xurxo Salgado, profesor coordinador de Neofalantes, o proxecto que protagonizará a terceira edición de Novas voces para a lingua; e coa presenza de parte do equipo de Conseguiremos, a primeira produción da RAG e a USC no marco deste acordo.
A serie, dirixida por Paula Quiroga, guionizada por Lois Alcayde e producida por Meritxell Álvarez, foi protagonizada pola futbolista Vero Boquete en conversa con Víctor Pérez Currás; os músicos Baiuca e Laura Lamontagne; o director de cine Andrés Goteira e Sara Hermo; as actrices e dramaturgas da Panadaría Teatro e o tamén actor Daniel Celester, e a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga acompañada do xenetista Ángel Carracedo.
Tanto Superheroínas como Conseguiremos son proxectos realizados co apoio económico da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.