Os seareiros do CD Ourense revélanse ante a eliminación do vermello das bancadas: “non é unha cor, é un sentimento”

Nun comunicado os seareiros denuncian que “o que parecía que sería un proxecto para lavar a cara do noso estadio e mellorar as condicións e accesibilidade do mesmo, converteuse nunha obra que busca borrar por completo calquera referencia a Club Deportivo Ourense”

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

Esta fin de semana a plataforma Memoria Vermella, de seareiros, seareiras e simpatizantes de Club Deportivo Ourense, comeza unha campaña baixo o slogan Memoria Vermella: "o vermello non é unha cor, é un sentimento" coa que queren “visibilizar a situación que vive o legado e a historia de CD Ourense”, logo das obras que a Xunta está realizando no estadio do Couto, onde desapareceu o vermello das bancadas, se eliminou o monólito en homenaxe a CD Ourense e o mural co “superman” co escudo de CD Ourense.

Os ourensáns acuden a felicitar a Iker Alegre polo seu gol.
Os ourensáns acuden a felicitar a Iker Alegre polo seu gol. | Fonte: cdourense

Nun comunicado os seareiros denuncian que “o que parecía que sería un proxecto para lavar a cara do noso estadio e mellorar  as condicións e accesibilidade do mesmo, converteuse nunha obra que busca borrar por completo calquera referencia a Club Deportivo Ourense”. A plataforma pon o foco sobre todo no feito de que se está quitando todo o vermello do estadio “identificativa  do club, dos seareiros  e seareiras e da cidade de Ourense”.

“O vermello representa o pasado, o presente e o futuro do fútbol da nosa cidade.  Trátase da cor de referencia do fútbol ourensán, coa que nos identifican por todo o territorio nacional e que é o símbolo inequívoco dos nosos alicerces, a nosa sinal de identidade  e parte da vida e da historia do ourensanismo.”, reivindica.

Ante esta situación e aproveitando o encontro da UD Ourense e o Somozas, o vindeiro sábado ás 19:00 horas da tarde, farán un chamamento a todos e todas os que acudan ao encontro a que porten unha elástica vermella para darlle colorido as bancadas e recuperar o vermello no estadio do Couto. Tamén informarán á veciñanza de Ourense da situación e o que acontece coa memoria de CD Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta