Ecoloxistas en Acción presenta o documentario "Alegría" sobre as causas do afundimento do 'Prestige' hai 20 anos

Ecoloxistas en Acción quere resaltar que 20 anos despois Galicia non está exenta dun novo desastre ecolóxico debido á nosa gran dependencia do petróleo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/11/2022 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O documentario "Alegría" sobre os 20 anos do afundimento do "Prestige" está producido por Ecoloxistas en Acción e dirixido por Luís Otero. Neste traballo audiovisual sinálanse as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega. Tamén lembra que ante a inacción do goberno foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao “chapapote”.

Programa Vigo Prestige
Programa Vigo Prestige | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción quere, ademais, resaltar que, 20 anos despois, non estamos exentos dun novo desastre ecolóxico debido á nosa gran dependencia do petróleo.

Segundo explica Ecoloxistas en Acción, o documentario repasa o acontecido o 13 de novembro de 2002 coa apertura dunha vía de auga no petroleiro monocasco "Prestige" por culpa dun forte temporal. Seis días despois, 19 de novembro, o barco partía en dous e afundía.  "As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro".

A consecuencia foi a chegada á costa galega de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sul de Francia, "producindo unha das maiores mareas negras da historia". 

"Ante a incompetencia e a falta de medios da Xunta e o Goberno central, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote". O comunicado tamén sinala que a sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, "foron as que deron resposta á catástrofe ante a incomparecencia das autoridades".

Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de persoas voluntarias: unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Todo isto levou a unha vaga de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002. Tamén trouxeron á memoria que oito dos trece maiores accidentes con verteduras de petróleo no últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia. Ecologistas en Acción avisa que queda chapapote baixo a area das praias. Isto é proba de que os efectos dunha grande catásrofe ecolóxica perduran durante anos ou mesmo décadas. 

O 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos por ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Un exemplo é o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O documental estrearase este venres 13 no Ateneo La Maliciosa, estará dentro das actividades do Museo do Mar de Barcelona e nos próximos días proxectarase por toda a xeografía galega.

Venres 13. Madrid: Ateneo La Maliciosa
Sábado 12. Barcelona: Museo do Mar
Domingo 13. Vigo: Praza do Berbés
Martes 16. Ourense: Cineclube pai Feijoo
Venres 18. Compostela: Museo do Pobo
Sábado 19. Pontevedra: Teatro Principal
Domingo 20. Lugo: Museo do Mar
Martes 22. A Coruña: Círculo de Artesáns


Na cidade de Vigo terán lugar as actividades centrais de conmemoración do vixésimo aniversario da catástrofe. Ademais da estrea do documental e posterior coloquio o domingo 13 na praza do Berbés, o sábado 12 celebrarase un concerto no Pub Moch, na rúa Irmandiños en Vigo, amenizado polo dúo “Blues do país”.

Antes do concerto de música reuniranse activistas e artistas nunha mesa redonda ao redor da escultura de madeira titulada “The voice of the fish”. Unha estatua que saíu do mar Báltico para denunciar a destrución dos hábitats mariños e a perda da vida silvestre en varias cidades europeas, para terminar o seu periplo mergullada nunha área mariña protexida da costa portuguesa. En cada parada celebráronse actos públicos para denunciar as principais ameazas ás que se enfronta o océano, como a sobrepesca ou a morte de golfiños polas redes de pesca en Alemaña, Luxemburgo e Francia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta