Por Xesús Veiga | Compostela | 18/11/2022
Catro anos despois, o ex-presidente da Xunta participou na defenestración de Casado e aceitou substituílo no cimo da estrutura do PP. Aínda que el non fose o autor principal do guión para derrocar ao sucesor de Rajoy -semellante papel correspondeulle, sobre todo, ao entorno de Diaz Ayuso-, o seu concurso resultou imprescindíbel. Todo o mundo gañou con esa operación: a presidenta madrileña castigou ao seu vello amigo pola pretensión de xudicializar algunhas prácticas sospeitosas desenvolvidas durante a pandemia e Feijoo acadou a condición mínima que esixía para o tránsito á política estatal. A diferenza do acontecido no 2018, non tivo competidores senón aduladores que aplaudiron a chegada do novo Moisés encargado de conducir ao PP á desexada vitoria electoral.
Non sabemos se o político dos Peares pensou que esa condición necesaria -unanimidade nos apoios internos para a súa investidura partidaria- resultaba suficiente para desempeñar acaidamente o novo rol político. O que si podemos constatar hoxe -seis meses despois da súa aterraxe no escenario estatal- é a caída das expectativas xeradas arredor da súa figura. Descontada a dereita mediática -entregada permanentemente a unha campaña de acoso e derribo ao goberno de coalición-, estaba relativamente espallada unha imaxe de Feijoo como político moderado, capaz de asinar "pactos de Estado"e bo xestor. Na realidade, semellante perfil non se compadecía cunha análise rigorosa da súa traxectoria no universo político galego. Durante os anos que estivo na oposición (2005-2009) non foi quen de asumir, de xeito consistente, "acordos de Pais" en tres asuntos de grande relevancia naquel momento (reforma do Estatuto de Autonomía, lumes forestais e regulación da normalización do galego). O seu modelo de confrontación co bipartito non foi construtivo senón que buscou o máximo desgaste utilizando a vella máxima de que o fin xustifica a utilización de calquera medio.
Durante os trece anos que encabezou o goberno galego non demostrou posuír ese suposto talante de político integrador. Rexeitou o retorno ao consenso lingüístico artellado nos últimos anos do fraguismo, non quixo abrir o debate a respecto dun novo Estatuto e careceu de iniciativa para enfrontar o derrubamento das principais entidades financeiras galegas (as Caixas de Aforro e o Banco Pastor). A súa folla de ruta como gobernante foi aproveitar as graves carencias da oposición -nomeadamente as fracturas internas acontecidas entre 2009 e 2020 no PSdG, no BNG e nas Mareas- para manter a súa hexemonía coa maior comodidade posíbel. Nin sequera a grave pandemia da COVID alterou significativamente ese modelo de xestión.
Durante a súa andaina galega dirixiu o PPdG con man de ferro en luva de seda. Só tivo que desenvolver unha batalla interna relevante: a que perdeu contra a familia Baltar e que lle obrigou a pactar un singular status de autonomía orgánica ourensá. A situación do PP estatal non garda semellanza con esa experiencia previa. Ayuso dispón dun poder económico e mediático moi superior ao de Baltar e, para mais inri, a recente vitoria de Moreno Bonilla convérteo nun hipotético adversario perigoso para o futuro. Definitivamente, o actual PP non é o balneario que Feijoo coñeceu durante mais dunha década.
A relación co sistema mediático marca, tamén, outra importante diferenza. No escenario galego, a grande maioría dos medios acompañaron acriticamente o labor gobernamental e apostaron pola continuidade do liderado de Alberto Núñez. No ámbito estatal, a lóxica non é a mesma: a dereita mediática ten mais fidelidade co clan de Ayuso -grazas ás millonarias axudas recibidas- que co recen chegado e actúa, en determinados momentos, cunha axenda propia que pretende delimitar o terreo de xogo aos seus aliados políticos.
Co rexeitamento do preacordo sobre a renovación do CXPX utilizando a desculpa dunha eventual mudanza do Código Penal no relativo ao delito de sedición, Feijoo arruinou as expectativas creadas sobre a súa figura. Seguiu a mesma liña que Casado: como este goberno non é lexítimo (lémbrese a retórica: formado por bolivarianos comunistas e apoiado por independentistas e seguidores de ETA) non se poden asinar pactos de envergadura con semellante executivo e hai que seguir alimentando a máxima belixerancia a respecto do conflito político e social que se ven manifestando en Cataluña na última década.
As enquisas publicadas nos últimos meses constatan a existencia dunha porcentaxe de votantes do PSOE -non superior ao 10%- atraídos polo novo líder do PP. O que ven de suceder co CXPX dificulta seriamente ese transvase potencial porque elimina a imaxe "centrista" que se estaba vendendo. Sexa polas presións internas e mediáticas recibidas, sexa pola falta de personalidade para defender os seus propios criterios ou por ambas cousas, o certo é que Feijoo está no seu peor momento dende que chegou aos despachos da rúa Génova. Vista dende agora, a cita electoral do ano que ven pode ser o epílogo da súa carreira política.