Dous recursos atrasan o relevo á fronte de 'El Correo Gallego': un de ACCA Media e outro do persoal de ETT

O grupo dos ofertantes alega diversas equivocacións por parte da Xustiza á hora de analizar o seu proxecto e os traballadores contratados pola empresa de traballo temporal piden que se lle recoñeza na lista de subrogados, pois Prensa Ibérica comprometérase a manter o posto a oito persoas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 22/11/2022 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

A loita por facerse coa histórica cabeceira 'El Correo Gallego' aínda non rematou. A pesares de que o fallo da xustiza xa se daba a coñecer a pasada semana, e adxudicaba a unidade produtiva a Prensa Ibérica, empresa propietaria de 'Faro de Vigo' e 'La Opinión de Coruña', os outros ofertantes tiveron a posibilidade de presentar as súas alegacións á resolución, e así o fixeron tal e como puido saber Galicia Confidencial.

Distintas cabeceiras de El Correo Gallego
Distintas cabeceiras de El Correo Gallego | Fonte: Arquivo

No recurso, o conglomerado composto por ACCA Media, Numancia Publicidad e Blecua Capital expón que no cálculo do millón de euros de créditos contra a masa, a suma "está equivocada". Así as cousas, a xueza refírese a que a oferta económica, "aínda que na interpretación é máis favorable ao outro oferente, é superior nun 37 % no caso de Prensa Ibérica".

Os representantes de ACCA Media tamén alegan que cando se alude a que unha das sociedades deste grupo de empresas non presentaba contas, é porque houbo unha equivocación de empresa, pois segundo indicaron, "había dúas con nomes similares, unha que non presentaba contas e que era allea a estos socios" e outra que si. A deles, dicían, presentaba contas solventes. 

Por outra banda, afirman que tampouco se tivo en conta que a oferta de ACCA Media, Numancia Publicidad e Blecua Capital levaba implícito o pago de seis mensualidades aos traballadores, mentras que Prensa Ibérica só pagará aquilo que non pague o Fogasa, recalcaron.

"Exclúese da subrogación a parte da contía dos salarios e/ou indemnizacións pendentes de pago anteriores á transmisión da unidade produtiva que cada empregado teña o dereito a recibir do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) [...] así como as liquidacións ou finiquitos pendentes de pago aos empregados que fosen traballadores da unidade produtiva pero que causasen baixa con anterioridade á data de peche (da adxudicación)", recolle explícitamente a proposta de Prensa Ibérica.

Hai que recordar que os argumentos esgrimidos pola xuíza para autorizar a venda a Prensa Ibérica baseáronse na "maior solvencia económica, experiencia no sector, maior prezo ofrecido e a forma de pago", a pesares de que a súa oferta deixa fóra a sete traballadores máis de plantilla e a todos (en principio) os contratados por ETT. 

Entre as súas conclusións, tamén destaca o feito de que "non pode deixar de chamarse a atención sobre o feito de que a entidade á que se lle atribúe a maior participación das tres na sociedade en constitución (ACCA Media), ten o mesmo domicilio social que a empresa concursada", é dicir, que a sede de ACCA Media está ubicada (ao menos sobre o papel), nas oficinas de 'El Correo Gallego'.

O FUTURO DO PERSOAL CONTRATADO POR ETT SIGUE NO AIRE

Finalmente, non hai que esquecerse que nesta resolución aínda queda unha dúbida por despexar: que sucederá co persoal contratado por Empresa de Traballo Temporal (ETT). Nun principio, e despois da 'subastiña', ambos grupos se comprometeron a subrogalos a todos (ACCA Media) ou a unha parte (oito traballadores, dende Prensa Ibérica).

Mais agora no fallo da xuíza non aparecen recollidos eses oito profesionais no caso de Prensa Ibérica. Mentres tanto, dentro das oficinas do diario compostelá a situación que se atravesa continúa a ser moi dura. A plantilla de traballadores amósase desolada, pois unha parte deles terminará na rúa.

Ademais, a Xustiza determina que mentres non haxa unha persoa de Prensa Ibérica que se poña á fronte do diario, no periodo de transición, debe manterse a normalidade laboral, e o xornal ten que seguir saíndo á rúa a diario. Unha situación que algúns xa non puideron soportar, tendo que recurrir a baixas médicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tiburón

Rey Novoa,Fernandez y Miguel Angel Tobias no quieren soltar la teta. Los trabajadores que no se lleven a engaño, si hasta ahora llevaron el periodico a la ruina, creen que ahora será lo contrario?, que el dinero y la buena gestión aparacerá como un maná?. Se van a seguir llevando la poca pasta que entre de la Xunta, TVG y anunciantes. Seguimos....