Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/11/2022 | Actualizada ás 14:00
Se por algo se caracteriza Galicia cando chega o inverno é polas intensas chuvias e polo frío que xea as noites. Sen embargo, para ninguén pasa desapercibido que este ano a climatoloxía estase volvendo máis abrupta que de costume: cada vez chove máis cantidade e máis seguido, e tamén cada vez as temperaturas tardan máis en baixar e non chegan a facelo demasiado nin sequera de madrugada.
Sexa o cambio climático, un cambio de ciclo ou simplemente cuestión de casualidade, o certo é que os datos non minten, e basta con botar unha ollada aos rexistros históricos de MeteoGalicia para darse conta de que o que estamos a vivir non é habitual, especialmente no tocante ás temperaturas.
Aínda fai ben pouco que foi necesario saír ataviado con bufanda ás rúas, pois ben entrado o mes de novembro nin sequera facía falla. Para facerse á idea, no comezo desde ano hidrolóxico (dende o 1 de outubro) a temperatura non baixou ningún día do mes de outubro dos 14,2 grados, cando no pasado 2021 fixérao ata os 10,6 grados, é dicir, o incremento medio desta mínima foi de 3,6 grados, unha auténtica salvaxada.
Por outra banda, o máximo calor acadado nunha xornada foi de 18,5 grados para ese mismo mes de outubro. En 2021 non se subira dos 18,2, o que supón unha diferenza de tres décimas centígradas máis este ano. É unha separación menor, pero notable.
Xa neste mes de novembro, os termómetros non baixaron aínda dos 8 grados, como día máis frío, cando o pasado ano xa chegaran aos 7,6, o que supón catro décimas centígradas de diferenza. E a temperatura máxima foi de 14,7 grados, mentres que en 2021 non se pasara ao longo deste mes dos 13,1 grados. Nada menos que 1,6 grados de calor cara arriba.
Por se estas diferenzas non fosen o suficientemente evidentes, é importante resaltar que o número de xornadas que ao longo deste ano se baixou dos 10 grados centígrados foi únicamente de catro, cando a estas alturas do ano hidrolóxico en 2021 xa se baixara de ahí nada menos que 17 días, sendo o máis habitual polas noites ter valores por debaixo dos dous díxitos.
SÓ 17 DE 56 XORNADAS SEN PRECIPITACIÓNS
E deixando a un lado as temperaturas e pasando a analizar as chuvias, os rexistros de MeteoGalicia evidencian que aínda que o mes de outubro deste ano non tivo diferenzas tan marcadas con respecto a outubro do ano pasado, o de novembro sí as está tendo, e moi notables.
En concreto, en outubro deste ano houbo dez días nos que non choveu, o resto, 21, choveu sen cesar, e ben forte; mentres que en novembro únicamente non choveu sete días, de 25 sobre os que hai rexistros. O balance final, por tanto, deixa un total de 17 de 56 días sen chuvia, moito menos da metade.
Mentres que en 2021 ao longo de outubre houbo 12 días sen chuvia (só dous máis de seca que na actualidade, aínda que nove deles foron de ceos descubertos consecutivos); máis en novembro o total de xornadas sen precipitacións foron nada menos que 17 (dez máis que agora). O total, polo tanto, sería de 29 días sen chuvia de 56, aquí si a metade.
E non só é preocupante observar a evolución dos días que choveu, senón tamén a cantidade de auga que caeu. En outubro de este 2022 caeron 295 litros por metro cadrado, case 30 máis que en outubro de 2021, con 265,4 litros por metro cadrado. En novembro deste 2022 foron 220,5 litros por metro cadrado de precipitacións, cando no mesmo mes o ano pasado únicamente caeron 61,2 (case catro veces menos).
Indo a analizar os totais, no que vai de ano hidrolóxico xa caeron 515,5 litros por metro cadrado (e ben que o sabemos, pois o ceo azul parece que xa non volvese), cando en 2021 caeran no mesmo tempo 326,6 litros por metro cadrado únicamente (uns 200 menos, que se di pronto). Levado a porcentaxe, falamos de que está chovendo un 37 % máis que fai un ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.