Calquera que lea os clásicos gregos pode chegar a unha conclusión: foron un dos primeiros pobos en escribir as súas historias e os seus pensamentos nos que desenvolveron as grandes cuestións da existencia humana: a vida, a morte, o amor, a natureza do mundo e a alma. Ao fin e ao cabo, foron eles quen acuñaron o termo "filosofía". Ditas lecturas esixen enfrontarse a todas esas cuestións e máis. As veces, logo dalgunha destas lecturas, pregúntome, queda algo por descubrir de nós mesmos?
A miña resposta é, cada xeración temos un pouso do pasado é unha responsabilidade por facer o que nos toca facer. Sei que as cousas cambiaron moito. Que calquera tempo pasado non foi mellor. Que non é posible un agora sen un antes e tampouco un futuro, sen pasado e sen presente.
A característica principal do teatro e contar historias mediante actores, discursos, música e escenografía. Mais na política cada quen represéntase a si mesmo e cando queres aparentar ser outro, a xente dáse conta. A diferenza entre ámbalas, é que no segundo caso hai que facelo coa mesma linguaxe que falamos entre nós ( na familia, no choio coas amizades... ) , namentres no primeiro é posible empregar calquera rexistro.
A miúdo pregúntome porqué dita actividade (a política) está tan degradada e sempre acredito nunha resposta: os liderados priorizan a escenificación á acción e, por extensión, dita maneira de facer remata impoñéndose no colectivo organizado.
Os mais vellos sempre defendemos a importancia de non deixarse levar pola onda dos “modismos”. Sempre soubemos que, unha parte da actividade pública é escenificación xa que necesitamos comunicar o que facemos, o como e o porqué. O problema xurde cando non se fai desde a verdade, cando trabucamos a parte co todo ou cando te deixas levar polos que menos saben e a miúdo son os máis esixentes, cando menos nos asuntos do seu interese.
Na maioría dos casos os medios de comunicación e xornalistas, foron quen de converter o campo político nun espazo escenificado que ten actores, argumento, trama e desenlace con recursos expresivos e feitos principais e secundarios. Dita maneira de facer a política estase a impoñer, ninguén fixo nin fai moita resistencia por se acaso o deixan fóra
A practica política de hoxe necesita inxerir contidos no campo informativo, atraveso dunha dramatización excesiva para producir efectos emocionais na xente. Os asesores e as direccións das organización teñen que adaptarse á lóxica desta industria, exhibindo produtos mediáticos que, máis que informar, tratan de facer espectáculo e, no mellor dos casos, entreter aínda que sexa meténdolle o dedo no ollo ao contrario A preocupación polas adhesións ao proxecto político pasa a un segundo plano, a importancia son as medicións no calado do discurso ou dunha acción parlamentar ou nos apoios que teñen as diferentes opcións nas enquisas.
A lexitimación do poder xa non precisa só dos votos nas urnas e no Parlamento, necesita tamén dun certo consentimento da mal chamada "opinión pública". Neste calexo sen saída, a militancia é substituída por politicólogos, especialistas en comunicación e mercadotecnia, xornalistas, asesores de imaxe, etc... O obxectivo non é outro que obter unha maior eficacia informativa, que á vez está obrigada a sintonizar coas esixencias do sistema mediático. Neste contexto a dramaturxia política precisará cada día máis do escenario e dos cálculos da noticiabilidade ou interese xornalístico, e menos da base das organizacións. Imos camiño, a pasos axigantados, doutra maneira de facer e de estar na política. A prioridade é a imaxe e a mensaxe polo cal as equipas de dirección non terán moito tempo para o análise o deseño de tácticas-estratexias e a loita. O principal pasa a ser o dominio narrativo, é dicir, o ritmo e o gañador no escenario do campo mediático. As redes sociais son un condicionante novo para acción política e os liderados están afectados por este síndrome, chegando ao paradoxo de darlles mais importancia que a propia militancia e simpatizantes.
Se a política asemella cada vez máis a publicidade para a venda dos diferentes produtos industriais e está deseñada só para acadar a atención da xente. A consolidación desta dinámica para algunhas alternativas é o remate ou unha grande fraxilidade.
A caricaturización da política é unha tendencia que a leva ao progresivo descrédito diante da cidadanía. Non é menos certo que o “pasotismo”, o individualismo, a obsesión pola xustificación do pasado negando unha revisión equilibradora coa verdade ou tentar pasar a historia "descubrindo novamente a pólvora", son os mellores aliados do narcisismo, o presidencialismo e da torpeza.
Perdemos creto aqueles que debatemos, actúamos, imaxinamos ou simpatizamos coa chegada dun cambio radical porque iso, sempre é o primeiro paso para facer un pequeno contributo a que ocorra na realidade.
Outro mundo non aparecerá sen a intervención de quen o soña desde agora. A emancipación e a libre decisión non cabe no consenso do neoliberalismo, senón no desacordo con este sistema político e cos que só pensan no escenario, nas enquisas, nas louvanzas, ou na hipercrítica. A obriga é, construír unha nova arquitectura política no mundo da cultura, da forza do traballo , no feminismo, no movemento veciñal dás aldeas, vilas e cidades, na universidade, na mocidade, no movemento ecoloxista sobre unha base fundamental , a maioría da xente na Nosa Terra ten que sentir a necesidade de dotarse de soberanía propia e sen intermediación, centrándose máis na rúa ao calor dos berros de protesta e da mobilización na defensa dunha alternativa de goberno e fronte a calquera das inxustizas do poder en sintonía co espazo de representación obtido nas urnas, mais neste orde e non do revés .
Hai que manter a esperanza se somos quen de contaxiar a conciencia cunha nova folla de ruta do que desexamos e con que ferramentas político-organizativas imos facelo, ademais de con quen. O demais non ten interese para min porque é seguir facendo algo semellante aos demais.
O movemento ( segundo algún dos clásicos gregos), vai sendo sempre distinto no seu ocorrer, así tamén o tempo vai sendo sempre distinto no seu transcorrer. En base a este pensamento (compartido) sosteño que, cada quen ten dereito de conducir unha organización como decida e no tempo que lle corresponde, mais tamén ten a obriga de escoitar e facer unha análise das críticas que podan xurdir dos que antes tiveron semellantes responsabilidades e aínda viaxan no mesmo barco ou camiñan polas mesmas rúas e corredoiras. Sempre hai que dicir o que se pensa aínda que para algúns sexa unha carallada. Non está de mais lembrar que, a dialéctica considera que todos os fenómenos están suxeitos a perpetuo movemento e cambio e as ideas, á contradición.
A miña prioridade segue a ser a de desenvolver as tarefas para acadar a utopía realizable da Patria Galega. É tal obxectivo cando menos precisa de, ilusión, compromiso nunha grande organización nacionalista aberta e sen exclusións, sentimento, coherencia, saber facer , base ideolóxica e algúns principios.