Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2022 | Actualizada ás 14:26
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, visitou este sábado o campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes para comprobar o resultado das últimas actuacións arqueolóxicas.
Segundo indica a Xunta nun comunicado, realizáronse distintos proxectos para facilitar a súa comprensión e a visita do público, entre as que destacan a instalación de paneis divulgativos con acceso a información audiovisual e trabállase en habilitar un pequeno espazo como centro de visitantes.
O responsable de Cultura da Xunta reivindicou o valor destes traballos por dar un paso máis na conservación e permitir "a divulgación do patrimonio arqueolóxico e facilitar o seu coñecemento por parte dos galegos".
Ademais, aludiu á importancia histórica deste xacemento "con gran repercusión na historiografía e na investigación arqueolóxica non só en Galicia senón tamén fóra dela", xa que se trata, xunto ao Aquis Querquennis de Bande, en Ourense, dun dos dous fortes militares estables da época romana que se conservan actualmente na nosa Comunidade.
Durante este ano a Xunta realizou varias actuacións no campamento. As máis recentes consisten nunha prospección geofísica para ampliar o coñecemento científico sobre os restos atopados e tamén se instalaron distintos paneis informativos que permiten o acceso vía código QR a material audiovisual para coñecer a historia do campamento. Ademais, trabállase en habilitar un pequeno espazo que funcionará como centro de visitantes con información sobre os restos atopados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.