Formoso: "Os incendios resolveranse cando se volva a producir no rural, senón gastaremos o dobre en extincións"

O presidente da Deputación da Coruña afirmou este martes que "o despoboamento no rural e o cambio climático son os dous grandes retos a afrontar para acabar cos incendios forestais".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/12/2022 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou este martes que "o despoboamento no rural e o cambio climático son os dous grandes retos a afrontar para acabar cos incendios forestais".

Así o fixo durante a súa intervención no foro 'A secuela dos incendios forestais' que organizou a Deputación xunto con Next Educación e a European Climate Fundation, segundo indicou o goberno provincial nun comunicado.

Desta forma, o presidente provincial cualificou a cifra de incendios do pasado verán de "dramática" e fixo un chamamento a "deixar de falar cunha terminoloxía baleira sobre os incendios".

"O reto demográfico e o despoboamento do rural están en todos os programas electorais e no discurso de calquera político pero aterrar esa terminoloxía e esa preocupación é francamente difícil se non se está disposto a revolucionar o seu propio país", aludiu Formoso.

Desta forma, incidiu en que "non pode ser" que en Galicia haxa unha superficie "abandonada tan grande nun país tan produtivo onde tanto talento, tanta mocidade que emigra de Galicia, podería non facelo se este país fose máis produtivo".

"Hai que adoptar medidas valentes, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Goberno do Estado, todos e todas temos deberes", apuntou.

"MEDIDAS CONTUNDENTES"

Formoso puntualizou sobre "medidas contundentes" como as relacionadas coa política fiscal, entendendo que "un imposto de sociedades ten que ter algún tipo de bonificación para aquel que aposta de verdade polo rural", ou coas licitacións públicas nas que as administracións "deben primar con algún criterio" a aquela empresa adxudicataria do servizo que decida prestalo desde o ámbito rural, axudando a crear emprego e actividade.

Ademais, o presidente provincial esgrimiu que "hai que pasar das palabras aos feitos" á vez que lembrou que a Deputación puxo en marcha na Capela "a única oficina que hai en toda Galicia" para apoiar aos concellos na xestión dos fondos europeos.

"O lóxico é que estivese na Coruña, preto da Deputación, pero está nun pobo de 1.300 habitantes que se chama A Capela, e é unha decisión política", asegurou.

Con todo, Formoso terminou a súa intervención concluíndo que os incendios "se resolverán cando se volva a producir no rural, cando a xente volva vivir no rural". Así, sinalou que se se garanten os servizos como ter un centro de saúde preto, un colexio ou un autobús e que os leve cara aos centros públicos onde haxa outro tipo de prestacións máis completas.

"Se non o facemos, pasaremos a gastar o dobre en extinción, seguiremos perdendo poboación, o sector primario seguirá perdendo explotacións e o rural seguirá desfalecendo", sostivo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no foro 'A secuela dos incendios forestais'. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no foro 'A secuela dos incendios forestais'. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta