As enquisas electorais son unha estimación das posibilidades de voto que teñen as diferentes alternativas políticas nun momento concreto, e "cociñar" os resultados é outra cousa ben diferente. Tézanos será un bo sociólogo máis como "cociñeiro", non é merecedor dos meus parabéns. O que está a facer leva camiño de desprestixiar ao organismo que preside, o Centro de Investigacións Sociolóxicas, e ademais non chego a comprender porque o PSOE está a cometer dito erro táctico. Nin xera un ambiente de credibilidade para o CIS, nin está acadando mellorar a imaxe do Goberno. Terá outro obxectivo a súa maneira de "cociñar"?
A análise da toma das decisións no ámbito electoral é unha tarefa complexa. A socioloxía, entre os seus obxectivos, tenta explicar como a xente fai certo tipo de accións e toma certo tipo de decisións.
Falarei dalgunha perspectivas que compre analizar, para tratar de comprender o que fai a xente cando elixe e vota por unha opción ou outra,
- O electorado, en primeiro lugar, toma a súa decisión a partires dos posibles beneficios-custos. Nesta valoración, por unha banda acreditase nun candidat@ ou outr@, o que fixo, deixou de facer ou fará como gobernante e, pola outra, xulgase á organización política en relación con outras experiencias anteriores. Parece unha concepción racional e confesable, mais tamén, en dita valoración, deberamos considerar o "pesebrismo", o "clientelismo" e a corrupción xa instalada, no relativo os beneficios que algúns queren manter no caso que o goberno de quenda manteña o poder executivo ou dos probables beneficiarios no caso de que os partidos e candidatos adversarios gañen.
- Á clase e o status socioeconómico de pertenza de cada persoa. Neste suposto, podería exporse que as campañas políticas exercerían poucos efectos na decisión dos votantes, xa que cada un de nós, manteriámonos sempre nese espazo de pertenza aínda que sen saír del, teñamos variadas opcións para decidir o voto.
-- Á identidade político-partidaria, a imaxe dos candidatos e a defensa das posicións nos temas que temos maior interese.
- Á influencia dos medios, principalmente a prensa, radio, TV e as redes sociais na toma de decisións a partires dos nosos intereses, usos e gratificacións que deles obtemos. Polo xeral, somos receptivos ás mensaxes que máis asemellan ao que pensamos e non tanto ás que rexeitamos. Adoitan mellorar os resultados cando a mensaxe , chega a traveso dun liderado de opinión con influencia en nós a traveso do seu posicionamento noutros asuntos. Paradoxalmente, as campañas político-electorais fan un uso cada vez máis intenso dos medios masivos de comunicación e gastan unha cantidade maior de recursos namentres as diferentes alternativas políticas, son moi críticas co abuso deste modelo.
Todas estas formulacións esquemáticas son complementarias e non poden refugarse de todo. Son paradigmas que serven como marco teórico xeral para a explicación da conduta dos electores. Mais compre engadir que, cada "persoa é un mundo" e non é só unha persoa influenciada ou influenciable polas condicións macrosociais (o medio social no cal vive, a súa clase ou do territorio no que está inxerido en relación co recoñecemento ou non da Patria que sinte como súa), senón que, tamén valora o posible beneficio, o feito de militar ou simpatizar nun partido político, a imaxe dos candidat@s, das súas ofertas electorais, da avaliación que fan das prácticas tanto do goberno como da oposición e ademais contan coa capacidade para decidir por si mesmo ou de atopar información, argumentos, coñecementos e experiencias previas para a toma da súa decisión.
O electorado é un conxunto poliédrico e no seu interior hai moitos vasos comunicantes. En moitos dos procesos electorais fan transvases de oportunidade co seu voto as diferentes alternativas políticas. A medición deste fenómeno, con anterioridade, ten a súa dificultade inclusive para os expertos. Despois dos procesos as análises son quen de precisar a causalidade como a cuantificación desta variación no corpo electoral.
A proporción entre afiliad@s e votantes é moi variable, segundo se pode comprobar en cada proceso (cos dados facilitados polos partidos políticos). No Estado Español cando algunha alternativa acada a maioría absoluta pode chegar a 40-50 votantes por cada afiliad@. Namentres cando se perden as eleccións, esta proporción rebáixase a un afiliad@ por cada 8-10 votantes ou aínda menos, dependendo da dispersión na oposición.
Polo tanto, a representatividade é sempre moi aleatoria. En moitos procesos o transvase de voto é demostrativa da permeabilidade entre espazos ideolóxicos e partidos ou organizacións políticas, situados nun mesmo eixo ou no contrario. Dito transvase serve para explicar grandes cambios no voto do electorado mesmo en situacións moi achegadas no tempo. As bases militantes sempre son menos permisivas que os votantes por pura lóxica mais en determinadas circunstancias (como as confrontacións internas entre diferentes sectores, aínda que, as veces, teñan unha xustificación clarificadora), este fenómeno tamén pode ocorrer e ter un efecto debilitante tanto na alternativa política como nos posibles votantes.
Desde esa constatación, cheguei a conclusión que, @s militantes son importantes pero non decisivos nos procesos electorais. Aínda así, elixo a potencialidade da organización antes que algúns experimentos, como o das primarias, por ser unha mala copia doutros sistemas, como o de EEUU, cunhas estruturas partidarias conectadas con algúns feitos da súa historia, con outro sistema de financiación e dunha elección presidencial, moi restritiva.
O sistema electoral do Estado Español foi ideado e construído para favorecer o bipartidismo. Aínda así, a xente decidiu co seu voto facerlle algunhas correccións, para que nin o PSOE nin o PP se beneficien moito. Cando menos, na lexislatura na que estamos, foi o que aconteceu. Hai moitas propostas tendentes a "premiar" o Partido máis votado, a facer listas abertas, a centralización do poder, a axustar a proporcionalidade dos votos e a representatividade. Malia o interese, calquera reforma neste asunto obriga á Reforma da Constitución e non vexo posibilidades dun acordo, nin a maioría necesaria por eliminar a provincia como a circunscrición de base e, deseguido, as Deputacións.
O 2023 e 2024 van estar mediatizados polos diferentes procesos electorais. Todos eles, terán características propias e a súa vez, certa retroalimentación. En todos eles, comprobaremos algún dos movementos dos que falei, tanto no referente a permeabilidade electoral nos espazos con tendencia a complementarse como no vasos comunicantes no interior do electorado. Quero rematar cun exemplo. Nas eleccións autonómicas galegas do 2020 houbo unha participación do 48.97% e non votou, un 51,03%. O PP o tivo un 47,9 %, 627.762 votos e a maioría absoluta. O Bloque, o 23,79% e 311.340 votos. O PSOE, o 19.3% e 253.750 votos. Máis dun 7% (obtidos por varias candidaturas), quedaron sen representación. Aínda que os resultados sexan diferentes e seguramente así acontecerá, hai marxe para un goberno alternativo ao PP teoricamente. Na práctica xa será outra cousa e tod@s sabemos, onde están os atrancos, non-si?