Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 15:34
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXVII Premios de Teatro María Casares.
Segundo informa, nesta edición os galardóns experimentarán, tras consultas a diferentes axentes do sector e a aprobación do corpo asociativo da asociación, diferentes modificacións nas súas bases, no seu funcionamento e no número de categorías.
"Todos os cambios responden á necesidade de adaptar ás novas realidades do sector os Premios María Casares, que practicamente non alteraron as súas bases desde a súa posta en marcha en 1997". "Deste xeito, procúrase modernizar os galardóns e reflectir a diversidade da escena actual con categorías máis amplas e inclusivas", engade a asociación.
O primeiro destes cambios é a substitución nas bases da expresión 'teatro de actor' por 'teatro de actriz/actor'. Tamén se matizará o requisito da lingua para non excluír obras que carezan de texto falado.
Así, o certame continuará a admitir en exclusiva espectáculos en lingua galega, pero tamén se aceptarán a concurso aquelas obras que non teñan texto falado, "pero que si empreguen o noso idioma en todo o material de difusión, no programa de man ou na sinopse", cita como exemplos.
NOVAS CATEGORÍAS
Os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer dous novos apartados. O primeiro deles é o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, "que nace co obxectivo de englobar unha disciplina de longa tradición no país".
O segundo é o premio á mellor dirección de movementos, "que procura recoñecer un traballo cada vez máis presente nos espectáculos teatrais".
Ademais, dúas categorías habituais nos Premios María Casares alterarán a súa nomenclatura. Mellor escenografía pasa a ser mellor espazo escénico e mellor música orixinal será espazo sonoro.
Por último, as bases inclúen un novo condicionante: para considerar unha categoría a concurso, deben rexistrarse un mínimo de tres candidaturas na primeira fase. En caso contrario, ese galardón quedará sen conceder.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.