Por Moncho Mariño | O Bierzo | 19/12/2022 | Actualizada ás 21:40
A delimitación xeográfica non existía para os grupos de resistencia contra o franquismo, tamén coñecidos como guerrillas ou popularmente como “maquis”. Tampouco foron grupos de asaltantes, bandidos ou delincuencia común tal como a propaganda do réxime quixo facer ver á poboación. “Franco non usou directamente o exército porque senón sería recoñecer unha resistencia política ao réxime, por iso usou á Garda Civil, para seren vistos como delincuentes” di o arqueólogo Xurxo Ayán. Aínda así, foron xenerais “africanistas” quen comandaron a loita anti-guerrilleira empregando métodos de guerra.
Son algunhas das conclusións das "Jornadas 80 aniversario de la Federación de Guerrillas de León-Galicia" celebradas en Carucedo (O Bierzo) os pasados 10 e 11 de decembro, que aportaron novos datos saídos de investigacións recentes sobre as guerrillas antifranquistas, máis concretamente sobre a Federación de Guerrillas de León-Galicia, cuxo 80 aniversario se celebrou este ano.
As liñas de investigación, tanto historiográficas como arqueolóxicas, sacaron á luz datos e informacións descoñecidas para a inmensa maioría. As xornadas de Carucedo centráronse na Federación de Guerrillas de León-Galicia, aínda que os traballos feitos foron máis alá dado que “non había fronteiras para o movemento guerrilleiro”. O encontro estivo organizado pola Asociación Científica Sputnik Labrego, Edicións Positivas coa colaboración do Concello de Carucedo e o Instituto Leonés de Cultura e establecementos da zona.
Volvendo ás delimitacións xeográficas, o historiador Alejandro Rodríguez apunta a necesidade de ver O Bierzo e Galicia como un territorio único para a Federación de Guerrillas de León-Galicia. O radio de acción chegaba Valdeorras e outras áreas ademais do Bierzo. Non obstante se falamos dunha guerrilla con accionar case exclusivamente en Galicia foi Exército Guerrilleiro Galego (EGG).
“Naceu na Coruña da man do PCE despois de enviaren a José Gómez Gayoso e a Antonio Seoane para organizar a resistencia contra o franquismo” explica Rodríguez. O período de acción vai de 1946 a 1950. Tanto Gayoso como Seoane son delatados e capturados pola policía e Garda Civil na Coruña. Finalmente son executados en 1948. Outros membros destacados foron Francisco e Benigno Rey Balbís, o primeiro coñecido como “Moncho”, ambos os dous membros da IV Agrupación do EGG. Unha segunda base de importancia foi o campamento establecido nas Fragas do Eume que mantivo a súa actividade até 1951-1952.
Foi o mesmo PCE quen, grazas ao uso de enlaces puido manter a conexión cos grupos guerrilleiros, ademais de garantir a unidade ideolóxica controlando os mandos do partido no interior. “Houbo unha serie de accións organizadas até o 1947 que demostraron a cohesión entre as forzas guerrilleiras” di o arqueólogo Xurxo Ayán. Tamén é necesario lembrar que “como narran Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, había con anterioridade unha resistencia durante a II República contra sectores empresariais e conservadores" por parte de colectivos anarquistas, apunta Laura Martínez, historiadora.
CAE A ACTIVIDADE DAS GUERRILLAS
O ano 1947 marca unha inflexión importante dentro das guerrillas. O PSOE abandona as armas e moitos dos seus membros pasan ao exilio. O PCE pasa a ter case o control total das accións armadas e o réxime franquista pasa a unha ofensiva “africanista” contra os movementos armados contrarios ao franquismo. Isto sucede cando Franco e o seu goberno caen na conta de que os Aliados non invadirán España. Reármase á Garda Civil aumentando o seu arsenal e comezan as operacións para infiltrar axentes dobres ou membros da propia Garda Civil.
Intensifícanse así as accións de captura de enlaces, moitas veces delatados mediante tortura aplicada aos familiares e cunha maior represión sobre as mulleres relacionadas co movemento guerrilleiro. En canto as operacións de infiltración e delación deron lugar a operativos como o da aldea de Repil onde estaba a casa dos Amaro. Alí cae a Segunda Agrupación de guerrillas galegas. “A persoa que os delatou acabou cun posto de traballo en Endesa” sinala Ayán.
Aumentan as patrullas e ataques nos montes e áreas como o val do Sil. O comandante Arricivita Vendodo chega a Ponferrada da man do director da Garda Civil, Camilo Alonso Vega para pór en marcha todo o aparato represor. A estratexia usa métodos da guerra en África con blocaos, pequenas fortificacións, en lugares clave. “Un exemplo é o antigo cuartel da Benemérita en Pobra de Brollón onde as torretas para ametralladoras apunta á poboación”.
A suma de todas estas accións, xunto á propaganda do réxime chamando “bandoleiros” aos guerrilleiros, pois estes, ante a perda de apoios na poboación civil, realizaban “incautacións” a potentados ou mesmo a curas adiñeirados. Este paso serviu para afianzar máis a súa imaxe como “bandidos” por parte do réxime franquista.
CAÍDAS
A finais da década de 1940, os líderes do PCE, Santiago Carrillo e Dolores Ibárruri, “La Pasionaria”, reuníronse con Stalin en Moscova. Foi cando recibiron a instrucción ou orde de abandonar a loita guerrilleira e pasar a infiltrarse nos aparatos do sindicalismo vertical franquista. “Carrillo foi responsable do fracaso da invasión polo Vall d`Arán, cando desde Francia o PCE enviaría un gran número de guerrilleiros para entrar en España e crear un “efecto dominó” coa caída doutras poboacións”, apunta Ayán. A publicidade dada polo PCE a este feito e as delacións dos infiltrados fixeron que o Exército español estivese xa esperando por eles e capturándoos.
Mais o que interesa sobre a guerrilla en Galicia é o descoñecemento total das decisións tomadas polos mandos do Partido Comunista. Abandonou o partido aos seus guerrilleiros? “Pode que si, porque apenas quedaron guerrilas saídas do PCE” di Alejandro Rodríguez. Doutra banda, entre os propios comandos instaurouse un clima de paranoia. Primeiro por culpa das diferenzas entre as liñas ideolóxicas seguidas dentro do comunismo (stalinismo, titoismo, leninismo) que rematan en purgas. “O guerrilleiro Girón acabou vendido polos seus camaradas” di Ayán. O único sobrevivinte de Repil foi arrodeado pola Garda Civil e acabou suicidándose.
Moitos outros, como os Rey Balbís, acabaron no exilio. Non obstante, houbo quen quedou dentro, xa sen apoios, como foi o caso de José Castro Veiga “O Piloto”. Este último foi morre nun enfrontamento coa Benemérita logo de que un antigo represor franquista e daquela empregado na central de Belesar o identificase. O último comandante do campamento das Fragas do Eume, “Coronel Benito” foi ametrallado polo infiltrado “comandante Félix”. Houbo quen quedou no camiño cara o exilio como foi o caso de Perfecto de Dios que foi abatido en Ávila e logo desenterrado da foxa común onde estaba.
O destino da guerrilla antifranquista que operaba de maneira exclusiva en Galicia estaba ligada ao PCE. Co pasar do tempo e ante a actitude dos Aliados cara o réxime franquista, este redobrou esforzos para eliminar toda presenza guerrilleira mediante un actuar propio dunha guerra convencional. Finalmente, e ante o abandono dos comunistas españois da actividade armada, a disolución do EGG foise acelerando quedando vivo o último remanente até mediados dos sesenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.