"O modismo artesanal estase a perder"... A loita contra os xigantes transnacionais

O modismo está a cambiar, ao igual que cambia toda a sociedade, e nestes momentos os deseños feitos á medida vense substituídos por unha produción industrial en cadea que é cara a que se dirixen os cursos de formación existentes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nunha sociedade na que todo se quere de xeito inmediato e a baixo custe, baseada no consumismo empedernido, hai que sacrificar algúns aspectos para poder adaptar a oferta á elevada demanda. E, no ámbito da moda, unha das cousas que se está a perder na actualidade é a patronaxe artesanal, os deseños feitos á medida, que se ven substituídos por unha produción industrial en cadea que é quen de crear nunha hora un cento de vestidos iguais.

Ana Prados no seu atelier de confección en Santiago
Ana Prados no seu atelier de confección en Santiago | Fonte: Cedida

"O modismo artesanal estase a perder, xa case non hai confección sen produción industrial, os acabados máis coidados xa non son algo que prime, pois toda a formación que se imparte tamén vai dirixida cara a patronaxe industrial, o que poderiamos chamar a 'moda rápida'", explica Ana Prados, experta na materia e propietaria dun atelier de vestidos de voda en Santiago de Compostela. 

Ao igual que hai comida rápida, cada vez impera máis a 'moda rápida'. "O problema que hai actualmente é que non temos ningún título oficial de patronaxe e confección á medida, si se pode atopar algún pequeno módulo en ciclos de Formación Profesional, pero de moi poucas horas, desde logo insuficientes para chegar a coñecer e a aprender un oficio coma este", valora Prados. 

A modista, que tamén exerce como profesora, explica que se da conta a título persoal de que "a aprendizaxe neste contexto non ten unha duración determinada, nin pode tela, porque ao final un oficio non se aprende estudando, apréndese practicando, por ensaio e erro e observando, e só acabas cando sexas capaz de confeccionar calqueira cousa que che poidan chegar a pedir".

"A aprendizaxe neste contexto non ten unha duración determinada, nin pode tela, porque ao final un oficio non se aprende estudando, apréndese practicando, por ensaio e erro e observando, e só acabas cando sexas capaz de confeccionar calqueira cousa que che poidan chegar a pedir"

A ARTESANÍA ESTÁ REXURDINDO, PERO NON HAI MAN DE OBRA CUALIFICADA

Agora mesmo, aínda que a nivel xeral se está perdendo este modo de traballar, tamén é certo que hai sectores da sociedade onde a artesanía rexurde con forza. Mais "o problema sigue sendo que aínda que haxa demanda non hai persoal formado para poder satisfacela", afirma Prados, que apunta que "todos os compañeiros do sector nos queixamos do mesmo, de que necesitamos man de obra e non encontramos máis aló de operarias de máquina que levan toda a vida cosendo, pero que non saben facer un acabado a man".

Ademais, a profesional matiza que non sempre que se fala de artesanía se fai do xeito correcto, pois a moda artesanal require, dende o seu punto de vista, "un proceso, un contacto coa cliente máis directo, acabados manuais...". E é por iso que "a formación ten que dar un xiro neste sentido se non queremos dentro duns anos quedármonos sen mans que confeccionen este tipo de patróns e deseños".

A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL ABARATOU CUSTES

Por outra banda, é preciso mencionar o tema dos prezos. Antes todas as prendas custaban de xeito similar, cando as modistas tradicionais eran as únicas que había, mais a revolución industrial fixo que os procesos de produción en cadea abaratasen moito os custes, de maneira que o prezo destas prendas era moito máis barato e asequible que o de deseños feitos a man.

Ao preguntarlle a Prados sobre se isto tamén pode ser o motivo polo que se vaia perdendo esta forma de confeccionar, ela teno claro: "Pode influir a nivel de roupa de diario, pero por exemplo, no sector das vodas, ao que eu me adico, a diferenza de prezo non é tanta, xa que ao final estamos na era dixital e hai marcas que teñen moita presenza en redes sociais e un equipo de márketing moi potente detrás que se volven carísimas pola fama, sen ser artesanais", expón.

"Ao final estamos na era dixital e hai marcas que teñen moita presenza en redes sociais e un equipo de márketing moi potente detrás que se volven carísimas pola fama, sen ser artesanais"

Con todo, confesa que é importante, ao ter unha primeira cita cunha clienta, preguntarlle cal é o seu presuposto, para adaptarse e poder darlle as opcións máis asequibles ao seu peto. "En función do orzamento que teñan hai certas cousas como bordados manuais, ou texidos e acabados que descartas, porque encarecerían a prenda final", indica.

SISTEMA MARTÍ DE PATRONAXE E CONFECCIÓN

Prados comezou a súa traxectoria estudando Pedagoxía, "nada que ver coa patronaxe", máis fai once anos marchou a Tarragona a vivir e alí comezou a interesarse pola confección, estudando para ser modista. Non lle dou tempo a rematar o título cando xa estaba de volta en Galicia, onde continuou informándose dos títulos que aquí se ofertaban sobre a materia. 

Rematou por estudiar o Sistema Martí de Patronaxe e Confección (que é o que a día de hoxe explica nas súas clases de formación), que data do ano 1893, é dicir, do século XIX, e que leva o nome da muller que o creou e que foi propulsora da oficialización da profesión. 

"A día de hoxe aínda sigo usando os mesmos manuais de 1893, o cal é abraiante tendo en conta canto cambiou a estética e os corpos, porque este sistema de patronaxe sigue funcionando moi ben", asegura Prados. 

"A día de hoxe aínda sigo usando os mesmos manuais de 1893, o cal é abraiante tendo en conta canto cambiou a estética e os corpos, porque este sistema de patronaxe sigue funcionando moi ben"

Tras varios anos formándose, traballando e conciliando con ser nai de dous fillos, lanzouse a crear o seu propio negocio: unha academia, por un lado, e un atelier, polo outro. 

AS NOIVAS QUEREN ESTAR IMPLICADAS NO PROCESO DE DESEÑO

A pesares de ser das poucas que queda nesta profesión da moda artesanal, o negocio funciona ben, e cre que se debe a que "teño a sorte de estar nunha época na que todo entra: nos anos 80 ían cunhas mangas dunha forma, e agora está todo de moda, tanto os deseños dos anos 20, como dos 30 ou dos 80, temos moito campo de deseño e as noivas tamén teñen moito acceso a información e amosan estilos diferentes".

En concreto, as noivas que ten xa reservadas para a tempada que ven piden "algo sinxelo, pero á vez diferente". Dende o seu punto de vista, esto é algo moi importante, porque "gústalles estar implicadas no proceso de deseño, e a min tamén me gusta facelas moi partícipes, expoñéndolles varias propostas ou varios estilos e con todo o material e texidos enriba da mesa para que vexan o que máis lles gusta en primeira persoa".

Ao final, tal e como explica esta apaixoada do deseño, "para un día especial tamén é especial todo o proceso de crear o vestido coa deseñadora".

OS VESTIDOS DESMONTABLES SON OS QUE TRIUNFAN

E a pesar de que cada noiva ten o seu propio estilo e personalidade, o certo é que hai unha tendencia común, ou unha petición que todas as clientas lle soen facer: un vestido desmontable, que evolucione á par que evoluciona a voda. 

Así, por exemplo, "non queren sacrificar que o seu vestido leve cola, pero tampouco queren estar toda a voda coa cola, para poder bailar cando chegue a barra libre e estar máis cómodas". Por iso, Prados asegura que "está en auxe e demándano moito, vestidos que permiten entrar na voda dunha maneira, chegar ao banquete de outra e comezar o baile de outra".

"As noivas demandan moito vestidos que permiten entrar nunha voda dunha maneira, chegar ao banquete de outra e comezar o baile de outra, un vestido desmontable que evolucione á par que evoluciona a voda"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta