O Sergas indica que os pacientes poderán facer consultas cos seus médicos a través de chats e videochamadas

A nova versión da historia clínica tamén inclúe o cartafol persoal do paciente

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2022 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

A nova versión da historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde (Sergas) inclúe o servizo de videoconsulta para os pacientes e os profesionais, que poderán realizar chats e videochamadas grazas a máis de 12.500 pantallas con cámara e micrófonos integrados que serán implantados en centros de saúde e hospitais galegos.

Trátase dunha das novidades da nova versión da historia clínica do Sergas, que foi presentada nun acto celebrado na noite deste xoves en Santiago polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado polo secretario xeral de Saúde Dixital, Información e Innovación no Sistema Nacional de Saúde, Juan Fernando Muñoz Montalvo.

Ademais da inclusión das ferramentas de videoconsulta, a nova versión tamén inclúe o cartafol persoal do paciente, que permite acceder a información compartida por el mesmo e coa que pode rexistrar os datos dun "reloxo intelixente" para que os consulte o facultativo. Por outra banda, a actualización da historia clínica reforza a conectividade cos dispositivos médicos que facilita o envío automatizado da información que o propio dispositivo xera.

Tamén estrea outras funcionalidades como o seguimento de pacientes con necesidades especiais e transversais como, por exemplo, os enfermos crónicos. Sanidade destaca que este sistema "permite a implementación de modelos de atención compartida entre os profesionais dos distintos niveis asistenciais do sistema sanitario público de Galicia", co que se incorporan a outros profesionais doutras institucións.

Neste sentido, a Xunta lembra que a colaboración entre Sanidade e Política Social permitiu que a historia clínica estea dispoñible en case 200 residencias sociosanitarias. Tamén se avanza na extensión aos centros penais galegos a través dun convenio co Ministerio do Interior.

Durante a súa intervención no acto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu o traballo dos profesionais que desenvolveron a nova versión da historia clínica, que "se volve máis universal, transversal e integrada" co obxectivo de "virar o modelo, situando ao paciente no centro da decisión clínica".

Médico e prescrición de receita
Médico e prescrición de receita | Fonte: Icomen

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta