Os concellos están obrigados a executar a limpeza de leiras se é necesario e os particulares non a asumen

Así o di o Consello Consultivo de Galicia, que lembra ás entidades municipais que deben facer cumprir o mandato que recolle a lei autonómica de prevención de incendios forestais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O Consello Consultivo de Galicia emitiu un informe no que ratifica que os concellos da Comunicade están obrigados a cumprir o mandato da lei autonómica de prevención contra incendios forestais e esixir a limpeza de leiras aos propietarios ou, de ser necesario, asumir a execución subsidiaria da devandita obrigación.

Así o fai constar nun informe, ao que tivo acceso Europa Press, evacuado a petición dun concello e relativo a tres cuestións: os "riscos" nos que se incorre ao realizar a execución subsidiaria, se esta supón de facto a anulación da propiedade privada e se basta para xustificar o paso invocar "un risco xeneralizado" de incendios a pesar de que os rexistros estatísticos certifican un rexistro nulo de lumes na zona en cuestión.

Analizadas as cuestións sometidas a informe, o Consultivo interpreta que, cando se formula unha consulta en relación aos riscos, a entidade solicitante alude a "riscos xurídicos" como "aquelas ameazas que, na orde xurídica, pódense derivar do seu incumprimento de obrigas leais, que non precisamente do seu cumprimento, ou de intervención sobre dereitos dos particulares carecendo de suficiente respaldo normativo".

E a este respecto, remítese á lei autonómica do ano 2007 (modificada en varias ocasións), para concluír que, dado que con este tipo de execucións estase a dar "plena efectividade" a un mandato legal, "de ningún xeito pode entenderse que con iso se asuma un risco, en sentido técnico xurídico".

Pola contra, advirte que "se algún risco podería existir" para un concello en cuestión derivaría de non actuar conforme lle obriga a lei.

PROPIEDADE PRIVADA

Así mesmo, o órgano consultivo repasa a lexislación e a doutrina do Tribunal Constitucional sobre o significado e a extensión do dereito á propiedade privada e, particularmente, sobre a súa función social.

E conclúe que a execución subsidiaria prevista na lei que vela pola protección fronte aos incendios non supón unha anulación do dereito de propiedade privada senón que, pola contra, "constitúe un mecanismo para garantir o cumprimento da función social da devandita propiedade".

Engade, en todo caso, que as actuacións de execución subsidiaria deben ser necesarias para garantir o cumprimento da función social, aínda que "respectando sempre o principio da proporcionalidade".

ACTUACIÓN PREVENTIVA

Tamén remarca o Consultivo que o cumprimento deste mandato relativo á posible execución subsidiaria da limpeza de leiras está desvinculado na propia norma de dato estatístico algún sobre a cantidade de lumes rexistrados nunha zona concreta.

Esgrime que se trata dunha actuación preventiva para permitir que, de producirse incendios, estes "non se propaguen de forma incontrolada, con perigo tanto para o monte en si como para as persoas e bens".

Finalmente, conclúe o informe que, dado que está en debate a lei de medidas que acompaña aos orzamentos para o próximo exercicio e inclúe modificacións da lei de prevención de incendios, a partir da súa entrada en vigor, a lexislación que haberá que ter en conta será a renovada.

Incendio forestal
Incendio forestal | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta