Onde deixou a lotaría de Nadal millóns máis aló da Coruña e A Fonsagrada? Noia, O Porriño, Poio e Vigo entre os agraciados

En total, caeron catro premios en Galicia: dous quintos --88509 e 87092--, un cuarto --25296-- e o 'Gordo'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/12/2022 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Esta vez, a sorte si sorriu a Galicia. Tras uns anos nos que os premios do Sorteo Extraordinario de Nadal deixaron só pequenas cantidades e o 'Gordo' foi esquivo, o de 2022 foi un 'ano de bens' para os galegos, con case 370 millóns de euros en premios que, ademais, tocaron nas catro provincias.

Nun 22 de decembro especialmente chuvioso, nada facía presaxiar que outra choiva, esta vez de millóns e moito máis festiva, enchería as rúas de moitas localidades galegas de alegría, cánticos e champaña.

As máis agraciadas contrastan frontalmente, sobre todo en tamaño e poboación. Foron a cidade da Coruña e a pequena localidade lucense da Fonsagrada, onde o 'Gordo' deixou 360 millóns de euros, 180 en cada unha delas, levando a alegría e a festa ás súas rúas.

O número máis esperado, que foi finalmente o 5490, fíxose esperar máis de dúas horas e caeu repartido en multitude de localidades de todo o territorio español. Delas, dúas administracións (o número 27 da Coruña e o número 1 da Fonsagrada) foron as que venderon unha maior cantidade de décimos: 900 entre as dúas.

Ademais, este e outros números (dous quintos e un dos cuartos) deixaron premios máis ou menos grandes en máis dunha decena de localidades galegas das catro provincias.

DO 'BELISCO' Á CHOIVA DE MILLÓNS

Galicia tivo que esperar case dúas horas para recibir un 'belisco' de sorte nun sorteo marcado pola tardanza en saír dos premios. Así, o máis madrugador dos que tocaron a Galicia neste Sorteo Extraordinario foi o que menos deixou: o 88.509, quinto premio, que ás 11,10 horas outorgaba 6.000 euros á Illa e outros 6.000 a Vigo, en senllos décimos vendidos na administración da Rúa Travesía do Cruceiro, no primeiro caso, e da Avenida dás Camelias, no segundo.

Só 10 minutos despois, os nenos de San Ildefonso cantaban o Gordo, o 5.490 que, lonxe do habitual, este ano si deixou unha choiva de millóns en Galicia, onde se venderon 90 das súas 180 series.

Foi, ademais, moi concentrado, dado que 45 delas foron despachadas pola administración número 27 da Coruña, na Avenida de Barcelona, mentres que outras 45 vendéronse na administración da Avenida de Galicia da Fonsagrada. O número máis esperado neste sorteo deixaba, así, 180 millóns na cidade herculina e outros 180 neste pequeno municipio lucense de pouco mais de 3.500 habitantes.

Ademais, vendéronse décimos soltos do 5.490 (agraciados con 400.0000 euros cada un) en Noia e O Porriño, Poio e Vigo.

SANTIAGO DE COMPOSTELA E BUEU

Outras dúas localidades galegas agraciadas de forma especial neste Sorteo Extraordinario foron Santiago de Compostela e Bueu.

No segundo caso, a administración da rúa Montero Ríos 65 vendeu 18 series, 180 décimos, do 25296, un dos cuartos premios, que deixou neste municipio 3,6 millóns de euros.

Este mesmo número foi vendido, en décimos soltos, en Vigo, A Illa de Arousa, Tui, Xinzo de Limia e Ourense, ata 3.740.000 euros en total na Comunidade.

Finalmente, outro quinto premio, o 87092, deixaba tres millóns de euros en Santiago de Compostela. Aínda que a contía por décimo é de só 6.000 euros, na capital galega vendéronse 500 deste número, concretamente na administración da Praza de Cervantes. O 87092 tamén levou un belisco a Vigo, Xinzo e, de novo, Illa de Arousa.

A empregada da administración situada na rúa Monteros Rios celebran que venderon parte do número 5490 correspondente ao 'Gordo' do Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
A empregada da administración situada na rúa Monteros Rios celebran que venderon parte do número 5490 correspondente ao 'Gordo' do Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta