Por Galicia Confidencial | Ourense | 31/12/2022 | Actualizada ás 11:30
A federación galega de empresas inmobiliarias espera un 2023 "estable en prezos", con menos operacións de compravenda de vivendas e cun aluguer con incremento de prezos e "máis presión" da demanda.
No seu balance anual de transaccións inmobiliarias, a federación galega destaca que o mercado da vivenda en compravenda, tanto usada como nova, pecha "o mellor ano da última década".
O balance incorpora un informe de vivendas baleiras nas sete principais cidades de Galicia, que recolle que Ourense é a única cidade de Galicia onde crece o número na comparativa decenal.
Ademais, sinala que o casco antigo de Ourense é a zona das sete grandes cidades galegas menos habitada cun 5,6%. "A habitabilidade do centro histórico que unicamente supuña xa un 8,8% da poboación da cidade hai unha década, agora só supón un 5,6%", constata. "E iso que o uso principal no casco antigo é residencial nun 95,23%", segundo engade.
INFORMES LOCAIS BALEIROS
Por último, o estudo inclúe un informe sobre locais baleiros no circuíto de comercialización en arrendamento, que indica que "as modificacións de aforro enerxético (inasumibles economicamente para moitos pequenos negocios), o incremento da factura da luz e custos enerxéticos, e o final da tempada estival está a incrementar o peche de actividades económicas e o aumento de locais comerciais baleiros na totalidade da comunidade".
A federación adianta unha previsión para o primeiro cuadrimestre do próximo ano "demoledora" que pode incrementar o parque de locais comerciais no circuíto de comercialización nun 15/20% debido á "forte desaceleración" da economía prevista e o incremento de custos financeiros e enerxéticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.