Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2022 | Actualizada ás 11:27
Xa temos a que é a próxima Palabra do Ano 2022, é non é ningunha das opcións que os seguidores do Galicia Confidencial votaron nas nosas redes. De feito, todo o contrario, xa que a elixida estaba entre as opcións menos populares.
Comadre conseguiu ser unha das seis voces finalistas na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié, a través do Portal das Palabras. A idea partiu raíz das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais. A proposta prendeu con forza xa na primeira fase da elección da Palabra do Ano, a da recolla de suxestións, e na segunda, a determinante, acadou a complicidade da maioría das persoas que participaron na elección telemática. Conseguiu, de feito, máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, candorca, este último en referencia aos numerosos avistamentos de cetáceos que se produciron nas costas galegas o pasado verán, que provocaron máis dun susto entre os patróns de pequenas embarcacións de recreo. O terceiro termo en votos foi ecocidio, seguido de resiliencia, autoestima e inflación.
O Dicionario da Real Academia Galega define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo. Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz acaba de se converter na Palabra do Ano 2022.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.