Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 12:26
Unións Agrarias condenou a "falta de sensibilidade" do Goberno central cara ao sector produtor tras a aprobación dun "amplísimo paquete de novidades normativas" que cambiarán por completo a forma de traballar das explotacións e obrigarán ás granxas a aumentar a súa conta de gastos.
Tal como denunciou a organización de agricultores e gandeiros nun comunicado, as esixencias da Administración central son "cada vez máis e máis custosas" e "non existe ningunha axuda para adaptarse a elas".
"As novidades normativas chegan no peor momento, coas granxas loitando por manterse á boia ante a baixada do consumo, os baixos prezos e o encarecemento dos custos de produción que veñen dándose ao longo do último ano. Levarán ao límite a capacidade de resistencia e adaptación das explotacións", cuestionaron desde Unións Agrarias.
Así mesmo, a organización de agricultores e gandeiros lamentou que, nos paquetes publicados polo Goberno de España, "non haxa unha soa medida que vaia na liña de mellorar as rendas dos produtores", tendo en conta a situación que atravesan.
Neste sentido, a organización destacou a "falta de sensibilidade" co sector cárnico ao non incluílo na cesta da compra á que se lle retirou o IVE. "É unha discriminación que non afecta tan só ao vacún, senón tamén ao resto de carnes, desde o pito ao porco, pasando polo coello ou o pavo, e que impide facer máis accesible a alimentación rica en proteínas ás persoas con menos recursos", criticaron desde Unións Agrarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.